Na quarta feira, 18 de marzo, decorrerá no Carballiño a presentación do libro O Imperialismo no século XXI, de Duarte Correa. Será ás 20:00 horas na librería OZOCOgz. O autor estará acompañado por Áurea Francisco Lorenzo (Licenciada en Historia).
Esta obra aborda unha cuestión imprescindíbel para comprendermos o mundo de hoxe, especialmente nun contexto en que, a cada pouco, novos acontecementos de grande impacto no ámbito internacional nos sobresaltan e deitan por terra certezas que parecían inamovíbeis. Falar hoxe de imperialismo é falar dunha realidade presente que debemos entender para comprender tamén como afecta ou pode afectar a nosa vida cotiá.
O libro analiza o imperialismo actual e o papel da OTAN como instrumentos dos Estados Unidos nun momento en que esta potencia tenta soster unha hexemonía en declive. Examina, ademais, a chamada autonomía estratéxica da Unión Europea e o aumento do gasto militar, revelando o que se oculta tras estes discursos.
Aliás, busca desmontar mitos e abrir o ollar a outras realidades de que case non se fala, en que diferentes países tecen alianzas para construír relacións internacionais baseadas no diálogo e na cooperación, frente á lóxica da imposición.
Unha obra que cuestiona a idea de que vivimos no mellor doa mundos posíbeis e defende que, hoxe máis que nunca, a alternativa ao imperialismo pasa pola defensa da soberanía dos pobos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
NOTA BIOGRÁFICA AUTOR:
Duarte Correa Piñeiro (Vigo, 1966). Diplomado en EXB e Licenciado en Xeografía e Historia, é profesor de Ensino Secundario no IES Ramón Cabanillas de Cambados. Militante nacionalista desde moi novo, foi membro da Executiva Nacional da CIG-Ensino.
Coautor dos libros Galiza: Poboación e Industria e O estudantado sae á rúa. ERGA no movemento estudantil galego. Autor do caderno 50 Aniversario de ERGA (1972-2022).
Leva moitos anos dedicado ao ámbito da análise internacional. Colabora regularmente sobre esa temática en publicacións galegas e internacionais e participa habitualmente como relator convidado en diversos seminarios e actividades formativas en Europa e América Latina, con traballos sobre xeopolítica, relacións internacionais, imperialismo e loita dos pobos pola soberanía.

















