- A escritora Marisa Castro presentará a súa nova novela este venres, 20 de marzo, acompañada por Avelino Muleiro, presidente do Instituto de Estudios Carballiñeses
- O libro afonda nas raíces e na memoria das mulleres do noso rural

O CARBALLIÑO. 17-03-2026. O Carballiño convértese este venres no escenario protagonista para a literatura galega. A escritora e recoñecida investigadora Marisa Castro recala na vila do Arenteiro para presentar a súa segunda incursión na ficción: Soño de liberdade. O acto terá lugar este venres, 20 de marzo, ás 19:00 horas, nas instalacións da Libraría Escolma (Rúa Tomás María Mosquera, 44 baixo).
Nesta cita, a autora compartirá mesa e conversa con Avelino Muleiro, profesor de filosofía e presidente do Instituto de Estudios Carballiñeses, nun evento que promete profundar nas raíces dunha historia que xa está a cativar aos lectores pola súa sensibilidade e rigor histórico.
Unha loita pola independencia
Tras o éxito acadado coa súa ópera prima, A saga das curandeiras (2022), Castro volve da man de Hércules de Ediciones para darlle voz a Sabela Couto Roriz. A novela debulla a vida dunha muller nada no rural galego en 1949, en plena época das cartillas de racionamento.
A obra funciona como un espello dunha xeración: narra a batalla de Sabela por romper o círculo de submisión herdado de nais e avoas. A través do estudo e dunha firme rebeldía, a protagonista consegue transitar desde os labores agrícolas da nenez ata a conquista da independencia e o amor libre coa chegada da democracia.
Retrato dunha época
Soño de liberdade non é só a biografía dun personaxe, senón unha panorámica detallada da Galicia de mediados do século XX. Nas súas páxinas retrátase a dureza do traballo no campo, a precariedade das nenas do rural na cidade, as diferenzas de clase e, por riba de todo, o papel da muller nunha sociedade marcada pola autoridade paterna e o “que dirán”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Axenda do evento:
- Lugar: Libraría Escolma (Rúa Tomás María Mosquera, 44 baixo, O Carballiño).
- Data: Venres, 20 de marzo.
- Hora: 19:00 horas.
















