Os hoteis do Carballiño achéganse ao 100% de ocupación durante as festividades desta Semana Santa

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Oficina de Turismo do Carballiño, ubicada na praza da Alameda, inaugura unha nova temporada coa apertura de portas na Semana Santa. O espazo, dependente da área de Turismo, estará aberto desde este xoves, día 2 de abril, ata o domingo, día 5. “É a primeira vez que abrimos no 2026, xa que esperamos un número importante de visitantes durante estes días grazas á nosa Semana Santa, declarada en 2025 de Interese Turístico de Galicia”, apunta Manuel Dacal, concelleiro de Turismo. A oficina estará aberta en horario de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas.

De feito, os hoteis do Carballiño rozan o 100% de ocupación para os días festivos. “Estamos moi agradecidos á Cofradía da Vera Cruz polo seu traballo e esforzo, xa que esta Semana Santa vai ser moi positiva para a dinamización do comercio e da hostalaría local da nosa vila”, destaca Dacal. Os días nos que se espera maior afluencia de visitantes son o xoves, coa Procesión Penitencial da Sentencia e a Esperanza; o venres, coa Procesión do Cristo da Saúde e a Procesión dos Caladiños, e o domingo, coa Procesión da Resurrección.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------