A Escola Galega de Clowns organiza a segunda edición de “O Clowncurso” coa colaboración do Concello do Carballiño, un encontro adicado á arte do clown que se celebra dende hoxe e ata o 4 de abril na vila do Arenteiro. A xornada inaugural corresponderá esta tarde ao famoso actor e pallaso Pepe Viyuela, que presenta o seu espectáculo “Encerrona”, ás 20,30 horas, no Auditorio Manuel María, co prezo das entradas a 20 euros.
Ademais da participación deste artista, o festival tamén contará coa mestra internacional Hilary Chaplain, que virá dende os Estados Unidos para impartir un curso intensivo de clown dende mañá, 31 de marzo, ata o 4 de abril, con prazas limitadas a 16 participantes e un prezo de matrícuila de 285 euros.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Por outra banda, o Auditorio Manuel Maria acollerá, tamén dende mañá, martes 31, ata o venres, día 3 de abril, os catro espectáculos seleccionados para participar no ‘Clowncurso’, que serán votados polo público asistente para elexir o gañador, que recibirá un premio de 1.500 euros. Abrirá o programa a compañía Novadak, de Navarra, con “Soka”, o martes 31, seguida do galego Fredi Muiño, que presenta “Circanelo”, o mércores 1 de abril. O xoves, día 2, actuará a navarra Laura Puertas con “SuperEla”, e o venres, día 3, pecharán os galegos de A Vela Circo con “O último que apague a luz”. As funcións comezarán todas ás 20,30 horas e o prezo da entrada é tan só de 3 euros.
O sábado, 4 de abril, a partir das 20,30 horas, celebrarase a gala de clausura, cunha mostra final do obradoiro impartido por Hilary Chaplain e o acto de entrega do premio do concurso.

















