Carmen Rodríguez Dacosta alerta da falla de tarefas de prevención nos montes, que “se cargan de biomasa sen que a Xunta faga nada por limpialos”, cunha xestión “irresponsable e temeraria”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe a “irresponsable e temeraria” xestión da política forestal por parte do goberno galego. Dacosta presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria para urxirlle á Xunta que comece “dende xa” cos traballos de prevención contra os incendios, que teñen que ter rematados “antes de xuño”.
Dacosta ironizou con que a única política de prevención de incendios da Xunta sexa “facer a danza da chuvia e encomendarse a manitú para que mande auga e apague os lumes”. Alertou de que o desleixo do goberno galego pon en risco o monte galego, que “leva meses cargándose de biomasa polas chuvias deste inverno, que son o combustible dos lumes de mañá sen que a Xunta faga nada”.
A parlamentaria socialista advertiu que o goberno galego volve incumprir coa obriga de presentar publicamente e en prazo o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais -Pladiga-, que ten que ser presentado antes no Consello Forestal, un órgano que foi convocado onte, “curiosamente coincidindo coa presentación da nosa iniciativa”.
Rodríguez Dacosta quixo apurar hoxe ao goberno galego, xa que del depende, dixo, aprobar o Pladiga para comezar cos traballos de prevención de incendios, que inclúen áreas cortalumes, devasas, faixas auxiliares de pistas e camiños, rozados ou faixas de xestión de biomasa, que “tiñan que estar xa ben avanzados pero que polo seu desleixo aínda non comezaron”.
Responsabilizou ao goberno galego de deixar ao operativo contra incendios “no chasis”, cun dispositivo “decimado” polos recortes de persoal e con recursos absolutamente insuficientes: “a Xunta manda ás brigadas a loitar con lumes de quinta xeración con espadas de madeira”. Advertiu que os lumes “non entenden de estación”, e lembrou que “levamos medio ano de sucesos e seguimos a agardar para comezar coa limpeza dos montes”.
Sinalou que por moito que o goberno galego contabilice 7.000 operarios no operativo de extinción de incendios, a realidade é que a maior parte das prazas non están a disposición ou están vacantes durante anos, co que o dispositivo non chega á metade da cifra oficial, con menos de 3.000 persoas. Ademais, carecen de análise de intervención e de reunións operativas, co que o dispositivo funciona “por inercia e sen un obxectivo claro”.
Alertou de que hai distritos forestais que deberan contar con ata 23 axentes ambientais e forestais e só contan con 14, reducindo a súa eficacia e un maior perigo para os ecosistemas forestais de Galicia, con menor protección, maior tempo de reacción e menor eficacia. Ademais falla a vixilancia 24 horas en días de risco alto, con moitas zonas de sombra desatendidas e os puntos de vixilancia fixos.