O Concello do Carballiño vén de iniciar as obras de modernización da rede de abastecemento do barrio da Toscaña de Arriba. A actuación, que inclúe a renovación íntegra das tubaxes de fibrocemento e contadores na zona, conta cun investimento de 37.177,91 euros subvencionados por Augas de Galicia. “Trátase dunha intervención moi necesaria para renovar por completo a rede e evitar así posibles avarías e perdas de auga”, resalta José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño.
A actuación inclúe a substitución da actual tubaxe de fibrocemento, duns 300 metros aproximadamente, por unha nova, composta de PVC. As tubaxes novas son máis resistentes, duradeiras e flexibles, ademais de contar cunha maior capacidade hidráulica ca as antigas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Por outra banda, estanse a renovar os contadores da estrada de Astureses e da estrada de Varón. Os novos aparatos contan con modernos sistemas de medición de presión integrado e rexistro e envío de datos de presión e caudal. “Esta renovación vainos permitir optimizar o rendemento da rede de abastecemento nesta zona ao minimizar as perdas de auga dun xeito importante”, destaca o alcalde en funcións.
Esta acometida para modernizar a rede non só supón a optimización dos recursos hídricos, senón tamén a mellora da calidade de vida da veciñanza ao evitar roturas e avarías que afectan a un servizo tan básico como é o abastecemento.

















