O Xeodestino Ribeiro-O Carballiño iniciou esta semana unha campaña promocional a nivel nacional e internacional para dar a coñecer variedade de recursos turísticos desta comarca. As cidades elixidas foron Madrid, Valladolid e Oporto, cidades escollidas de acordo ao plan de comunicación do Xeodestino e pensado no turismo de proximidade.
Deste xeito, esta semana tiveron lugar os dous primeiros actos con medios de comunicación e influencers de Madrid e Valladolid, que puideron coñecer polo miúdo os recursos turísticos máis representativos deste xeodestino. Unhas presentacións baseadas en varios eixos principais: o termalismo, o patrimonio histórico, a natureza, a enogastronomía e as festas populares xa que “a enorme cantidade e variedade de recursos dos que dispoñemos no noso territorio obríganos a seleccionar a mensaxe”, tal e como expuxo o presidente do Xeodestino Ribeiro-O Carballiño, Francisco Fernández, aos asistentes á presentación de Madrid.
Así, o Xeodestino Ribeiro-O Carballiño puxo en valor a súa riqueza termal, cun variado catálogo de posibilidades con balnearios de diferentes características, máis grandes ou pequenos, aos que se suman pequenas termas integradas en espazos naturais. No patrimonio histórico, destacouse que o xeodestino é un dos grandes referentes do románico nacional, especialmente pola presenza de tres grandes mosteiros: Oseira, San Clodio e Melón, cada un deles coa súa especial influenza na poboación e nos seus aspectos sociais e culturais.
Así mesmo, fíxose especial fincapé no apartado enogastronómico, onde se inclúe a presenza da Denominación de Orixe Ribeiro, a segunda denominación máis antiga de España, e a súa Ruta do Viño; así como festexos que traspasan fronteiras como a Festa do Polbo do Carballiño e a Festa da Istoria de Ribadabia, ambas de Interese Turístico Nacional, e outras como a do Pemento de Arnoia ou a da Vendima de Leiro, ambas de Interese Turístico de Galicia.
A maiores, Francisco Fernández aproveitou tamén para destacar “a cultura castrexa, con San Cibrao de Las, o barrio Xudeu de Ribadavia e incluso o embalse de Castrelo de Miño, como lugar de entretemento para equipos de remo de todo o mundo”. Finalmente, fíxose entrega a todos os presentes de mapas turísticos do territorio e un catálogo do corazón termal de Galicia.
A seguinte parada será en Oporto e estará centrada nos medios dixitais e influencers do norte de Portugal. O Xeodestino Ribeiro-O Carballiño está conformado por 21 concellos: Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Irixo, Leiro, Maside, Melón, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, Punxín, San Amaro e San Cristobo de Cea.
















