O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para que a Corporación do Carballiño acorde a elaboración dun plan municipal de renovación e creación de instalacións deportivas que cubra tódalas necesidades actuais e futuras da poboación neste eido. Nesta proposta, que será debatida na sesión plenaria do vindeiro mércores, 29 de abril, destácase a gran tradición deportiva do Carballiño en toda a súa historia, pero na que o municipio leva anos quedando atrás con respecto a outras vilas semellantes de Galicia pola falla de iniciativa e renovación das diferentes instalacións para a súa práctica.
Ao respecto, dende Espazo Común apuntan que “xa moitos anos que numerosos deportes aparte do fútbol contan con grande número de seguidores e de novos adeptos. Podemos destacar o inmenso número de veciños que exercen como atletas, patinadores ou ciclistas, só por nomear uns poucos”, situación que, según esta formación política, o grupo de goberno integrado por PSOE e PP semella descoñecer. E poñen como exemplo “o feito de que incluso un deporte con tanta tradición coma o baloncesto despareceu do Carballiño por falla de espazos para os seus equipos e agora a xente que desexa xogar ten que desprazarse a Maside”.
Lembran proxectos como a ampliación de Espiñedo ou a construción dun novo estadio na Uceira, que “quedan dentro da colección de fantasías ás que nos ten acostumados este goberno PPSOE”, a escasa oferta de disponibilidade do pavillón Paco Chao cara os deportistas, as pistas de pádel, a piscina municipal e Pena Cobertoira, cuxa adaptación “para a práctica do atletismo e do ciclismo”, ou a construción dun novo pavillón deben ser proxectos esenciais no plan de futuro desta vila, ao igual que “a posta en marcha de pequenas pistas deportivas nos distintios barrios do pobo, unha necesidade básica para fomentar o uso do deporte”.
En consecuencia, dende Espazo Común aseguran que “hai moitas posibilidades e aínda máis necesidades, polo que se fai urxente establecer unha pauta de traballo e unha planificación para ir cubrindo estas carencias e garantir que ninguén no Carballiño se atope con dificultades á hora de desenvolver a súa actividade atlética”.
















