Un total de 20 persoas desempregadas do Carballiño poderán traballar nun obradoiro dual de emprego

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Comercio, Emprego e Emigración, vén de iniciar o proceso de selección dun obradoiro dual de emprego nas especialidades de aproveitamentos forestais e pintura industrial en construción. Un total de 20 persoas desempregadas poderán beneficiarse durante os próximos nove meses do programa, subvencionado pola Xunta. “Estamos moi contentos de poder ofertar, un ano máis, este obradoiro que ofrece formación e práctica en sectores con alta demanda de profesionais”, destaca Diana González, concelleira de Comercio.

A convocatoria inclúe 10 prazas para a área de aproveitamentos forestais, na que as persoas seleccionadas se formarán en xestión forestal sustentable, o manexo de maquinaria, os traballos silvícolas e a reforestación. Pola súa banda, a área de pintura industrial en construción, con outras 10 prazas, abordará técnicas de pintura profesionais, tratamentos de superficies, pintura de interiores e exteriores e aplicación de revestimentos.

Desde o inicio da participación no obradoiro, os alumnos e alumnas son contratados na modalidade de contrato para a formación en alternancia e percibirán unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As persoas interesadas no obradoiro dual deben ser demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, estar dispoñibles para o emprego, ter solicitado a participación en programas mixtos de emprego e formación e cumprir os requisitos de acceso para a obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------