Miles de xoves apostaron onte pola celebración da ‘LXIV Festa do Pulpo’ na paraxe natural de As Barcias, a xeito de ratificación masiva de que o novo emprazamento é o idóneo fronte a un sector social e políticamente minoritario que se opuña ao traslado dende a antiga localización entre a avenida de Vigo e chalés da zona residencial. Neste sentido, desde o Concello do Carballiño destácase “a multitudinaria asistencia a esta denominada ‘Festa da Xuventude’, trasladada este ano ás Barcias por razóns de seguridade ante o importante crecemento da asistencia e as limitacións que presentaba o emprazamento habitual”.
Así, dende mediada a tarde do domingo, os xoves fóronse achegando ata o recinto, valado, con casetas de comida, aseos e vixiado por un importante operativo de seguridade, onde tiña lugar o evento do ‘Pulpo Fest’, que presentaba un cartel de luxo cun total de 14 artistas de música urbana, encabezado polo afamado DJ Ballesteros no escenario preparado pola discomóbil galega A Gramola, nunha cita musical na que Codeso, Saúl Gallego, Nico Batea, Diego Valeiras, Rivero, Aitor Alfonsín, Javii, Ivi Bralo, Dúo y Medio, Dris, Sergito, De Melo e Mencler, pincharon as súas mellores melodías ate as 3,00 de hoxe, luns.
A asistencia de miles de persoas a esta cita, sobre todo, rapaces e rapazas novas, e o traslado a este novo espazo, as Barcias, supuxo para o Concello do Carballiño un desafío en materia de seguridade, e para elo contou coa presenza dun amplo despliegue de axentes da Policía Local, Garda Civil, voluntarios de Protección Civil, brigada de bombeiros e integrantes do Servizo Municipal de Emerxencias, ademais de asistencia sanitaria, tal e como expoñen dende o Concello carballiñés. Uns efectivos que, durante a celebración da festa, realizaron varias intervencións, especialmente nos arredores do río Arenteiro, para evitar situacións de risco e impedir que persoas baixo os efectos do alcol accedesen a auga.
Porén, desde o goberno municipal desmíntese categóricamente a noticia falsa sobre a morte dunha rapaza no río, e pide responsabilidade á hora de difundir informacións deste tipo, que provocan unha alerta innecesaria entre a poboación. Os efectivos de Policía Local axudaron a saír do río a unha persoa, que posteriormente foi trasladada en ambulancia por atoparse baixo os efectos do alcol.
E tendo en conta esta primeira edición do evento na finca As Barcias, o Concello do Carballiño avaliará novas medidas de seguridade cara a vindeira edición da Festa do Pulpo, ademais da ampliación das existentes. “En calquera caso, seguirá apelando á responsabilidade individual de cada persona para evitar poñerse en risco ou poñer a outras persoas con comportamentos inapropiados, motivados en ocasións como resultado do consumo alcol”, conclúen dende o equipo municipal de goberno.


















