A CULTURA NON SE CANCELA NO CARBALLIÑO ( 2ª parte )

Míguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine e historiador

[Hai 24 horas colguei este post en facebook, e 24 horas despois quero darle unha voltiña, sen renunciar ao ton do orixinal. Tivo unha repercusión que eu non agardaba e obrígame a matizar. Fíxeno e fágoo desde a niña independencia partidaria, simplemente como persoa ligada a actividade cultural de base desde hai case medio século…].

AVANTAR ACTIVIDADES

Penso, como os especialistas que agora agroman como setas neste outono, que ao Covid seguiralle outra pandemia igual de grave: a que vai precisar de psicólogos e psiquiatras, cando os efectos sociais e económicos comecen a pasar factura. E a CULTURA, señor@s é un dos mellores antídotos contra iso. É responsabilidade dos axentes culturais e dos responsables institucionais, fomentala, promovela e defendela, para evitar que a sociedade tolee… Dicía que no Carballiño deberían saber que nestes tempos de Covid, a Cultura non se cancela, pero semellara que no seu Concello non se enterasen.

Había un programa de actividades previsto para esta longa ponte por catro colectivos, e todas suspendidas. Non houbo decreto nin mandato municipal para prohibilas, quede claro, pero si houbo chamadas desde a Praza Maior, primeiro preguntando se mantiñan a actividade e de seguido recomendando a conveniencia de adialo ou suspendelo. Iso é o que non pode ser desde a primeira institución da vila, que ten por obriga fomentar e promover a CULTURA, escrito con maiúsculas.

A vila está desde as 00.00 horas de hoxe no nivel 3 por imposición de Sanidade, decisión a respectar, que os seus motivos terán os sanitarios. Pero quede claro que o cine e o teatro mantéñense á marxe desas restricións porque cumplen ao detalle con todos os protocolos e todas as normativas. É máis: non se sabe en ningún lugar do mundo que houbera un só contaxio por Covid, nun cine ou nun teatro. Faise evidente que algúns alcaldes e concelleiros NON frecuentan nin unha sala de cine nin un teatro a cotío, por iso desde a súa ignorancia “suxiren” a SUSPENSIÓN de varias actividades para esta fin de semana no Carballiño: o seu cine club suspende LA ODISEA DE LOS GILES prevista para hoxe venres e Tiruleque Grupo de Teatro apraza as dúas obras previstas na longa fin de semana dentro da XIII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, pola mesma razón.

Sumamos a iso o aprazamento sine die da homenaxe ao fotógrafo Moncho Fuentes pola Asociación Fotográfica Potiños e o recital músico-poético MUSICANDO VERSOS previsto para o domingo a ceo aberto (ollo, a ceo aberto, lugar vedado aos famosos aerosoles…) no auditorio da Ínsua dos Poetas. O concello dispón do Auditorio e considera (vistas as chamadas, confirmadas por todos os responsables, aínda que un colectivo -que non direi- aseguroume que o fixo por decisión propia…) que CINE e TEATRO SON PERIGOSOS.

Para min iso é lamentable… Mentres, en Ourense, que está “confinada”, no caso concreto do cine, os cinéfilos e aficionados podemos asistir ás salas de Ponte Vella, por certo moi seguras. E ben sei do que falo: vimos de celebrar en Ourense a 25ª edición do Ourense Film Festival, con 100 proxecións e outras actividades sen ningunha incidencia… E miren señores alcaldes e concelleiros, a Cultura tamén é industria, dela vive moita xente e traballan para facernos a vida máis levadeira a tod@s. Pola conta que lles ten ás señoras e señores da Cultura, cóidanse ben de asumir todas as prevencións.

Mágoa que haxa alcaldes -digo eu que serán corresponsables do seu equipo e das decisións que tomen- e concelleiros (polo demais no caso do Carballiño, ambos “xente letrada” que se di) tan ostentosamente contrarios á Cultura. Ben que o sinto como carballiñés pero sobre todo como home implicado na Cultura desde hai décadas. Será esta unha fin de semana soleado, pero ao tempo moi triste… A CULTURA, CANCELADA porque quen ten a obriga desde as institucións -neste caso o Concello- de fomentar a Cultura, prefire porse de perfil e fomentar que se retire a sestear, léase: A CULTURA CANCELADA