O secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou hoxe o colexio público de Ribadavia onde felicitou ao grupo gañador do Concurso-Exposición Letras Galegas 2026, que organiza a Xunta de Galicia “implicando á cativada e á comunidade escolar nun proxecto que fomenta o interese pola nosa cultura e a nosa lingua a través dunha efeméride tan destacada como as Letras”, apuntou.
Trátase da exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de Educación Infantil e Primaria, dunha convocatoria posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para afondar na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa na que viviu a persoa homenaxeada. Así, baixo o título Begoña Caamaño, un camiño de sementes, tal e como destacou o representante do Goberno galego, “o alumnado realizou unha proposta na que destaca a creatividade e a beleza estética”, ademais de felicitalos “pola cooperación e traballo en equipo”.
Neste senso, cómpre lembrar que os materiais finais, tanto nesta categoría como na modalidade específica para Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, na que gañou o Instituto Castelao de Vigo, están a ser distribuídos en centros educativos de Galicia e do exterior, ademais de bibliotecas e outros espazos culturais. Trátase dunha colección de dez carteis que integran cada exposición e a súa correspondente guía didáctica, que se completan con outros recursos como marcapáxinas, e que tamén están dispoñibles no Portal da Lingua para a súa descarga libre e gratuíta.
Ademais, cada un dos centros gañadores recibe un premio de 2.000€, mentres que o profesorado implicado no deseño e elaboración dos traballos obtén unha certificación de primeiro premio de Innovación Educativa equivalente a 20 horas de formación

















