A libraría OZOCOgz, ademais do tradicional desconto do 10% en libros o sábado 16 de maio, xa que o domingo 17 non abrirá, propón un amplo programa cultural para festexar o Día das Letras Galegas, con dúas xornadas que combinarán o folclore tradicional cunha presentación literaria.
Así, o sábado, 16 de maio, e diante da súa sede na rúa Curros Enríquez, organiza un concerto ‘pre-letrasgalegas’ dende as 12,30 horas. Neste recital está prevista a participación das agrupacións Ferriñas de Liño; a coral polifónica A Torre e o grupo de pandeireta do colexio público, ambas de Maside, e a Banda de Gaitas do Carballiño. Ademais, durante toda a xornada, banca de libros no exterior con descontos e agasallos.

E para o luns, 18 de maio, presentarase no Auditorio Manuel María da vila, coa colaboración do Concello do Carballiño, o libro “Poden pensar as máquinas?”, de Senén Barro. A cita será ás 11,00 horas e de entrada libre para todos os públicos, aínda que destinada principalmente a alumnado, pais e nais e profesorado dos centros de ensino do propio municipio e da comarca carballiñesa. Senén Barro foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) até 2010, e, na actualidade, vén de ser nomeado presidente do Comité Asesor do Laboratorio de Ideas en intelixencia artificial da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
















