O Concello do Carballiño escolle Lanzarote como protagonista da 64ª Festa do Pulpo, que se celebrará, como é habitual, o segundo domingo de agosto, este ano, o día 9. O goberno local decantouse pola illa debido ao seu especial vínculo co Carballiño, nun guiño á comunidade canaria, que acolleu a moita emigración carballiñesa. “Tanto Lanzarote como O Carballiño reivindicamos a calidade da cociña atlántica, dos produtos do mar e da terra. As nosas pulpeiras participaron varios anos no festival enogastronómico Saborea Lanzarote, sempre cunha moi boa resposta por parte da organización e do público”, asegura Manuel Dacal, concelleiro de Turismo e Industria, que pon en valor este tipo de colaboracións.
“Levar o noso pulpo a outras zonas de España é sempre unha alegría e supón unha importante axuda para dar a coñecer a riqueza gastronómica do Carballiño. Adicarlle a Festa do Pulpo é un xeito de agradecer a Lanzarote o seu apoio nesta estratexia común de poñer en valor a cociña atlántica”, apunta. A colaboración tamén busca abrir novas oportunidades de cooperación entre ambos territorios e converter a gastronomía nunha ferramenta para o diálogo, o intercambio e a proxección conxunta. Ademais, o conselleiro de Centros de Arte, Cultura e Turismo do Cabildo de Lanzarote, Ángel Vázquez, naceu no Carballiño e mantén unha importante relación coa vila do Arenteiro.
Pola súa parte, o presidente do Cabildo de Lanzarote, Oswaldo Betancort, agradece este recoñecemento destacando que “é un orgullo para Lanzarote ser a illa protagonista dunha cita tan emblemática como a Festa do Pulpo do Carballiño”.
“Poder formar parte dunha iniciativa que pon en valor a gastronomía como motor de proxección dos destinos é, sen dúbida, unha gran oportunidade”, recalcou Betancort, quen celebrou especialmente este tipo de propostas, “que contribúen a visibilizar o traballo, a identidade e a calidade dos territorios a través da súa cociña e das súas tradicións. Desde Lanzarote seguiremos apostando pola gastronomía como unha ferramenta clave de promoción e desenvolvemento, impulsando accións que reforcen a nosa presencia e posicionamento”, concluíu o presidente lanzaroteño.
Lugares e colectivos vinculados ao Carballiño
Nos seus sesenta e catro anos de historia, a Festa do Pulpo do Carballiño, declarada de Interese Turístico Internacional, foi adicada a diversos lugares, institucións e colectivos vinculados á vila, á súa historia e á súa veciñanza. A pasada edición, o goberno local escolleu a cidade italiana Noventa Padovana, irmandada co Carballiño e onde tamén se celebra unha gran festa anual protagonizada polo pulpo.
Asturias, o Centro Partido de Carballiño en Buenos Aires, o Mosteiro de Oseira, os pulpeiros de Arcos, os centros galegos no mundo, Portugal, México, Euskadi ou os emigrantes de Alemaña son algúns exemplos dos motivos conmemorados na Festa do Pulpo nas últimas décadas.

















