A Agrupación Cultural Avantar, que cumpríu medio século de andaina o ano pasado, presentou hoxe a súa programación especial adicada ás Letras Galegas, nun acto que tivo lugar na Casa do Concello coa presenza de Diego Fernández, concelleiro de Cultura, e Darío Anxo Rodríguez, directivo do colectivo carballiñés.
Diego Fernández salientou o feito de que “iste é un mes intenso de actividades no Carballiño, non só por parte do Concello senón tamén polas propostas dos colectivos culturais, coma é o caso de Avantar coa súa foliada e os roteiros e coa novidade dun concerto”. Pola súa banda, Darío Anxo Rodríguez avanzou que “os días 20 e 21 de maio organizamos dous roteiros polos fitos de Manuel María, o primeiro para estudantado de Primaria e, o segundo, para o de ESO, e nos que un persoeiro fará de guía polo itinerario”.
O templo da Veracruz, a Praza Maior, a Fonte do Concello, a Eira e a Fonte de Flores, entre outros, serán as etapas deste percorrido polos poemas que o escritor da Terra Chá adicou á vila no seu “Cantigueiro de Orcellón”, e nos que os estudantes recitarán, cantarán e escenificarán algunha ‘perfomance’.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Xa o sábado 23 de maio, Avantar celebrará a novena edición da “Fo-liada”, dende as 20,30 horas, e cunha viaxe musical para que están confirmados grupos folclóricos das comarcas do Carballiño e O Ribeiro, Celanova e do sur das provincias de Lugo e A Coruña, tal e como adiantou Darío Anxo. O itinerario partirá de O Pendello para percorrer os bares Paco, Gelo e A Comarca e a cafetería O Casino antes de rematar no punto de destino da Bodega de Flores.
Coma novidade, antes da “Fo-liada” terá lugar, ás 19,00 horas e na praza da Veracruz, un concerto de “Afroliada”, unha agrupación da comarca do Barbanza que fusiona as músicas tradicionais de Galicia e África, combinando instrumentos de percusión deste continente coa gaita e o tamboril galegos.

















