Gabriel Alén salienta o traballo do centro de recursos zooxenéticos de Galicia na conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción

Na visita desta mañá ao Pazo de Fontefiz

  • O delegado territorial subliñou que Fontefiz é o centro de referencia de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción de gando vacún (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), ovino (Ovella Galega), cabrún (Cabra Galega), aviar (Galiña de Mos), equino (Cabalo de Pura Raza Galega), porcino (Porco Celta) e canino (Can de Palleiro)
  • Tamén supervisa o cumprimento dos requisitos zootécnicos e xenealóxicos dos animais presentados aos certames de gando selecto e comproba a correcta aplicación das subvencións públicas, así como a xustificación das actuacións financiadas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao Pazo de Fontefiz, no concello de Coles, onde se empraza o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, institución da Xunta de Galicia responsable da elaboración e desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que o Centro de Fontefiz leva as últimas décadas traballando na recuperación e  conservación das razas de gando autóctonas. Inicialmente os esforzos dirixíronse exclusivamente ao gando bovino e foi o responsable inicial e único dos programas  recomendados pola FAO para a preservación e mantemento dos recursos xenéticos animais.

Os traballos de conservación e recuperación, -continuou Gabriel Alén-  estendéronse a partir do ano 2000 ás demais especies, tras a publicación das regulamentacións especificas dos Libros Xenealóxicos de tódalas razas anteriormente citadas. O espazo pasa a denominarse Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, e os traballos comezan a compartirse coas Asociacións de Criadores, como entidades colaboradoras para a levanza dos libros xenealóxicos, que asumen a meirande parte dos traballos que ata entón integraban o Programa in situ: animais rexistrados, explotacións colaboradoras e plans de axudas.

O delegado territorial subliñou que Fontefiz é o centro de referencia de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción de gando vacún (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), ovino (Ovella Galega), cabrún (Cabra Galega), aviar (Galiña de Mos), equino (Cabalo de Pura Raza Galega), porcino (Porco Celta) e canino (Can de Palleiro). 

Gabriel Alén tamén resaltou que Fontefiz é o responsable de supervisar o correcto desenvolvemento dos Programas de recuperación, conservación e fomento de todos os recursos zooxenéticos autóctonos de Galicia en perigo de extinción, seguindo a súa evolución, realizando o control técnico da aplicación das normas establecidas para cada raza, comprobando a súa correcta aplicación e verificando o cumprimento dos criterios do libro xenealóxico, o control de rendementos e o programa de mellora.

Tamén supervisa o cumprimento dos requisitos zootécnicos e xenealóxicos dos animais presentados aos certames de gando selecto; propón a declaración de extinción do recoñecemento dunha asociación para a xestión do libro xenealóxico; avalía as actuacións en materia de xestión dos libros xenealóxicos que deban ser reexaminadas e comproba a correcta aplicación das subvencións públicas, así como a xustificación das actuacións financiadas.