Alcaldes do Carballiño e do Ribeiro interesáronse pola creación dunha comunidade para o aforro enerxético

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Alcaldes e alcaldesas dos municipios da comarca do Carballiño e do Ribeiro déronse cita na Casa do Concello do Carballiño para coñecer o proxecto europeo Comenerg, financiado pola Deputación de Ourense, que impulsa comunidades enerxéticas locais renovables na fronteira Galicia-Norte de Portugal.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na reunión estiveron presentes o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil; o rexedor de Maside, José Manuel Iglesias; o alcalde de Punxín, Manuel Vázquez; a alcaldesa do Irixo, Rosa María Dalama; Rebeca Sotelo, rexedora de Cenlle; José Luis Valladares, alcalde de Cea; José Dalama, teniente de alcalde de Cea; o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández; o rexedor de Piñor, José Luis González; Antonio Montero, alcalde de Avión; Manuel Prado, rexedor de Beariz e Víctor González, teniente alcalde de Cortegada.

Tamén houbo rexidores conectados á reunión de xeito telemático, como o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o rexedor de Beade, Fernando Taboada; o alcalde de Melón, Emilio Luis Díaz; Patricia Torres, alcaldesa de Boborás, Rodrigo Aparicio, alcalde de Arnoia, Fernando Rodríguez, rexedor de San Amaro, Luis Milia, alcalde de Carballeda de Avia, e Avelino Pazos, rexedor de Castrelo de Miño.

No encontro, os responsables de Sertogal, a empresa que xestiona Comenerg, deron conta das posibilidades e beneficios das comunidades enerxéticas, tanto para as administracións locais como para os veciños e veciñas con exemplos reais de facturas eléctricas. Tamén se abordaron as posibles vías e fórmulas de financiamento, unha das principais preocupacións das entidades locais. “Nós ofrecémosvos apoio na constitución e organización da comunidade enerxética e na redacción do proxecto técnico”, detallou Sergio Rodríguez, CEO de Sertogal.

Pola súa parte, os rexedores interesáronse pola posibilidade de crear unha comunidade enerxética que agrupe a todos os concellos das dúas comarcas (Carballiño e O Ribeiro), o que permitiría abaratar custos e reducir o gasto público en enerxía a través de instalacións fotovoltaicas.

O proxecto Comenerg está financiado pola Unión Europea a través do fondo Feder (75%) dentro do programa INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. Conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros para impulsar comunidades enerxéticas en Galicia e no norte de Portugal.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------