Ribadavia acollerá o vindeiro xoves 25 de xuño a presentación oficial da XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda, unha das citas gastronómicas e turísticas máis destacadas de Galicia, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014.
A elección de Ribadavia como sede desta presentación responde á estreita relación de colaboración e amizade que se foi consolidando durante este último ano entre ambas localidades. Un vínculo que se fortaleceu especialmente tras o apoio mostrado pola veciñanza e o Concello de Ribadavia á candidatura da Guarda no concurso Ferrero Rocher de 2025, despois de que a capital do Ribeiro acadase este recoñecemento no ano anterior.
Esta iniciativa supón un novo exemplo da cooperación entre dous municipios galegos que, separados por menos de cen quilómetros, comparten valores, identidade e unha firme aposta pola promoción do seu patrimonio, da súa cultura e da súa riqueza turística.
Ribadavia e A Guarda son dous dos destinos máis singulares de Galicia. A primeira, recoñecida polo seu conxunto histórico-artístico, a súa tradición vitivinícola e o seu legado cultural; a segunda, referente do turismo mariñeiro galego, coa súa forte vinculación ao mar, ao Monte Santa Trega e á excelencia da súa gastronomía.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que “é unha satisfacción que A Guarda escollera Ribadavia para presentar unha festa tan importante e consolidada como a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. Esta elección é unha mostra do afecto e da complicidade que se creou entre ambos concellos”.
Fernández subliñou ademais que “a colaboración entre administracións locais é fundamental para seguir promovendo Galicia desde a diversidade dos seus territorios. Ribadavia e A Guarda son exemplos de como patrimonio, cultura, gastronomía e tradición poden converterse en motores de desenvolvemento e atracción turística”.
O rexedor ribadaviense engadiu que “a relación xurdida arredor da candidatura da Guarda ao concurso Ferrero Rocher transcendeu aquela iniciativa puntual e transformouse nunha amizade institucional que queremos seguir fortalecendo. É unha honra recibir na nosa vila aos representantes da Guarda e contribuír á difusión dunha celebración que forma parte da identidade do litoral galego e da nosa rica e abundante cultura gastronómica galega, repleta de produtos de proximidade e pratos únicos”.
O acto de presentación desenvolverase ás 12:00 horas na Praza da Magdalena e contará coa participación do alcalde da Guarda, Roberto Carrero; do alcalde de Ribadavia, César Fernández; da concelleira de Turismo de Ribadavia, Yolanda Gómez; do tenente de alcaldía da Guarda, Óscar Alonso; da técnica de Turismo guardesa, Rosalía Verde; e de representantes dos catro restaurantes participantes nesta edición: O Roxo, O Cangrexal, Xeito e Casa Olga.
Durante o acto daranse a coñecer os detalles da XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo no porto da Guarda, e os asistentes poderán degustar algúns dos produtos e elaboracións que protagonizarán esta emblemática cita gastronómica.


















