O Servizo Municipal de Emerxencias de Ribadavia levou a cabo 191 intervencións no segundo trimestre do ano

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Servizo Municipal de Emerxencias de Ribadavia, integrado polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), vén de presentar o seu balance de actividade correspondente aos meses de abril, maio e xuño do presente ano, nos que contabilizaron un total de 191 intervencións, unha cifra que representa preto do 4% máis con respecto ao primeiro trimestre, no que o número de respostas ás incidencias fora de 184 na súa zona de actuación.

En canto o ámbeto das intervencións, este servizo atendeu neste segundo trimestre un total de 28 accidentes de tráfico, nos que fixo necesaria a excarceración de persoas feridas en tres deles; 13 resultaron con persoas feridas e outros 10 sen feridos, ademais de asistir a un accidente laboral e outro con maquinaria agrícola. O operativo de Emerxencias tamén atende 11 intervencións vencelladas a animais soltos, feridos ou mortos, e 52 de prevención da expansión da vespa velutina, coa colocación de 47 trampas na época primaveral, logrando a captura de 1.505 raíñas de esta especie invasora, e a retirada de 49 niños na contorna.

Tamén foi precisa a intervención en 19 incendios, dos que seis foron rexistrados en vehículos, con dúas falsas alarmas neste caso; nove actuacións en áreas forestais (dúas queimas e sete lumes, un deles de Nivel 2); tres no ámbeto urbano e outro nunha escombreira de residuos. Tamén acudiron a 17 casos de caídas de árbores, verquidos, refugallos de accidentes e incidencias en tendidos das redes de enerxía eléctrica e telefonía.

Por outra banda, Emerxencias de Ribadavia proporcionou asistencia en 46 operativos de Protección Civil, prestando cobertura en eventos e dispositivos como a Feira do Viño do Ribeiro, o Ralli de Ourense ou as Xornadas de Educación Viaria e Protección Civil, dando asistencia á Policía Local en diferentes servizos municipais e tamén ata un total de oito apoios ao Servizo de Urxencias 061, dos cales cinco foron ao helicóptero medicalizado.

Finalmente, neste segundo periodo do 2026 rexistraron nove intervencións de rescate e salvamento, como a participación nos dispostivos de busca de catro persoas desaparecidas e outras dúas na zona do encoro dos Peares, no río Miño; o rescate dunha persoa en situación difícil e dúas aperturas de portas e ascensores.

Dende o Servizo Municipal de Emerxencias de Ribadavia queren trasladar o seu máis sincero pésame ás familias e amizades das tres persoas que, lamentablemente, faleceron nos diferentes operativos activados neste segundo trimestre, á vez que desexan agradecer o traballo e a colaboración de todos os organismos e servizos cos que comparten intervencións.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------