A Xunta aporta 1,1 millóns de euros para impulsar a modernización da Praza de Abastos de Ribadavia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Consello da Xunta autorizou hoxe á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a subscribir un convenio de colaboración coa Deputación de Ourense e o Concello de Ribadavia para impulsar a reforma e modernización da praza de abastos da vila, cun investimento total de 1,6 M€, dos que a Xunta achegará máis de 1,1 M€. O obxectivo desta actuación, que se desenvolverá en dúas anualidades, é que o mercado acade o selo de Mercado Excelente, reforzando a súa competitividade, a súa actividade comercial e o seu atractivo como espazo de referencia tanto para a veciñanza como para o turismo. O convenio inscríbese no Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia e no protocolo de colaboración asinado coa Deputación de Ourense para a mellora das prazas de abastos da provincia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A través deste convenio tripartito —no que a Xunta financia o 70 % do investimento, a Deputación o 20 % e o Concello o 10 %— acometerase unha actuación integral destinada a modernizar a praza de abastos de Ribadavia, fortalecendo tanto o mercado tradicional como o mercado de produtores. A intervención permitirá poñer en valor os produtos frescos e de proximidade, mellorar os servizos ofrecidos á clientela e consolidar este espazo como motor do comercio local, favorecendo ao tempo a súa función como punto de encontro social e dinamizador da actividade económica do municipio.

Os traballos desenvolveranse entre 2026 e 2027. Durante este ano executaranse as actuacións iniciais da obra, incluíndo os labores previos, actuacións estruturais e de cuberta ou revestimentos e acabados interiores. Na segunda anualidade completarase a reforma coa renovación da fachada, a carpintaría, o mobiliario e o equipamento, así como co remate das instalacións e dos acabados, mellorando a accesibilidade, a funcionalidade e a eficiencia do edificio para adaptalo ás novas necesidades do comercio de proximidade.

Con esta actuación búscase que a praza de abastos de Ribadavia pase a formar parte da Rede de Mercados Excelentes de Galicia, integrada na actualidade por cinco mercados: Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume, Carballo e Ribeira. A previsión da Xunta é acadar os 25 mercados distinguidos con este selo ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Plan autonómico e convenio coa Deputación de Ourense

O apoio de máis de 1,1 M€ á praza de abastos de Ribadavia dá continuidade á estratexia da Xunta para impulsar a modernización dos mercados municipais galegos a través do Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia, destinado a apoiar actuacións de reforma, mellora e modernización das prazas de abastos que cumpran os requisitos establecidos. Entre eles figuran contar cunha ordenanza municipal actualizada, dispoñer dunha diagnose da situación e usos do mercado, localizarse nunha zona comercial de relevancia e presentar un proxecto de reforma adaptado ás necesidades detectadas. Esta liña de actuación compleméntase co protocolo de colaboración asinado en febreiro entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Deputación de Ourense para favorecer a modernización das prazas de abastos da provincia mediante a formalización de convenios cos concellos participantes, como é o caso de Ribadavia e, previamente, co Carballiño e Xinzo de Limia.

Vilas Vivas

A reforma e modernización da praza de abastos súmase ás distintas actuacións que a Xunta está a impulsar en Ribadavia para consolidar a vila como polo de atracción comercial e turístico ao abeiro do proxecto piloto Vilas Vivas, desenvolvido en colaboración co Concello para recuperar a actividade comercial do casco histórico en baixos en desuso, coa previsión de contar este ano cun total de 15 locais operativos e, a futuro, poder estender a outras vilas senlleiras de características similares. No marco desta iniciativa, vense de poñer en marcha o programa Domingos Vivos, unha proposta que combinará a apertura de novos negocios con sorteos, rutas guiadas e unha ampla programación cultural e gastronómica para incentivar o consumo local e atraer visitantes ao municipio ourensán.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------