O Concello do Carballiño vén de finalizar as obras de renovación da iluminación da Praza Maior e da Igrexa de San Cibrao, a tamén coñecida como “igrexa vella”. Esta intervención forma parte do proxecto de modernización das luces dos espazos emblemáticos da vila, iniciado o pasado verán coa instalación dunha nova iluminación na Praza da Veracruz. Ademais da importante mellora visual, a nova tecnoloxía supón un aforro enerxético de máis do 60%. O investimento total do proxecto alcanza os 140.424,30 euros.
A empresa adxudicataria da actuación foi a Sociedad Española de Construcciones Eléctricas, S.A. (SECE), xunto a Auditesa, quen se encargou, entre outras funcións, da elaboración do proxecto e da dirección. As solucións técnicas foron consensuadas coa oficina técnica de Patrimonio Cultural de Ourense, garantindo o respecto ao valor patrimonial dos tres lugares.
Na Praza Maior, levouse a cabo o cambio do antigo alumeado, que presentaba deficiencias tanto no funcionamento como na eficiencia e na posta en valor do espazo. En particular, retiráronse as columnas existentes e colocáronse seis novos postes cilíndricos con proxectores LED que permiten a correcta iluminación da praza sen interferencias co arbolado existente. Deste xeito, as luces destacan os elementos principais da zona: a fachada da Casa do Concello, a torre do reloxo, o monumento á Pulpeira e a fachada da ‘Casa dos Quiroga”. A nova iluminación, ademais, reduce o impacto dos focos no entorno, para maior comodidade da veciñanza.

No caso da Igrexa de San Cibrao, os traballos realizados incluíron a substitución dos dous elementos da iluminación exterior, de vapor de sodio, por dous proxectores con focos de tecnoloxía LED.
A intervención realizada na Praza da Veracruz, pola súa parte, supuxo un salto de calidade respecto ao antigo alumeado, xa que se substituíron os antigos proxectores e se recuperou o deseño lumínico orixinal ideado por Antonio Palacios, o recoñecido arquitecto porriñés do templo. A actuación incluíu a retirada da vella instalación, que discorría polo perímetro e cuberta do templo, eliminando tamén todo o cableado, e a colocación de 47 novos proxectores e 11 luminarias ambientais, todos eles con tecnoloxía LED de alto rendemento.

















