O Concello do Carballiño impulsa a 18ª edición do Festival de Títeres, unha cita referente no panorama galego cultural e que cada ano atrae a veciñanza e visitantes á explanada do Parque Municipal. A programación, que arranca mañá, luns, e remata o xoves, día 23, inclúe tanto espectáculos como obradoiros, para que os máis pequenos non só desfruten das historias, senón que tamén poidan crear as súas propias. “Trátase de achegar o público máis cativo ao mundo do teatro”, apunta Diego Fernández, concelleiro de Cultura, quen resalta a traxectoria do festival. “É unha oferta que completa moi ben a variada programación cultural do verán no noso municipio”, engade.
O Festival de Títeres comeza mañá na explanada do Parque Municipal, ás 19,00 horas, da man da compañía Juste Kamishibai, que guiará un obradoiro de mini butai, dirixido a nenos e nenas de a partir de 6 anos. Cabe destacar que é necesario inscribirse previamente no departamento de Cultura do Concello. Ás 20,00 horas, a compañía ofrecerá o seu espectáculo “As historias viaxeiras, Kamishibai e Teatro de Papel”, centrado na concienciación ambiental, a igualdade, a cooperación e a creatividade para público infantil de a partir de 3 anos.
O martes ás 19,00 horas será a quenda da compañía Carmen Domech, que representará “O Grúfalo”, unha divertida historia protagonizada por un ratiño que pasea pola fraga. O espectáculo está dirixido a nenos e nenas de a partir de 3 anos. Ás 20,00 horas haberá un obradoiro de teatriños de papel, no que poderán participar cativos e cativas de 4 anos en adiante.
A compañía Trémola será a protagonista da xornada do mércores. Ás 19,00 horas interpretará “Pipo, o paxaro que non sabía voar”, para público infantil de a partir de 2 anos. Ás 19,45 horas levarase a cabo o obradoiro de títeres-monstros e animais, dirixido a nenos e nenas de máis de 4 anos.
O xoves, o festival chega ao seu fin coa compañía K’paparota Teatro. Ás 19,00 horas representará “Latexos – As lendas do castro”, unha obra dirixida a público familiar de máis de 3 anos na que se realiza unha viaxe polas lendas galegas con moito humor. Ás 19,45 horas, os nenos e nenas de máis de 3 anos poderán participar nun obradoiro de caixiñas de sombras. Para participar é necesario inscribirse no departamento de Cultura do Concello, así como levar unha caixa de zapatos.
















