Este ano, a MIT outorga o Premio de Honra ‘Roberto Vidal Bolaño’ a Paula Carballeira, en recoñecemento á súa traxectoria artística e á súa valiosa contribución á escena galega. Escritora, actriz, directora teatral, dramaturga e narradora oral, Paula Carballeira adícase profesionalmente ás artes escénicas desde 1994.
É autora de numerosos libros de teatro, narrativa, poesía e ensaio, traducidos a varios idiomas. Ademais de colaborar en múltiples proxectos, forma parte da compañía Berrobambán dende 1996. A súa traxectoria ten sido merecedora de premios destacados como o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, o Premio Follas Novas na categoría de Teatro no 2023 e no 2024, o Premio Laudamuco de Textos Teatrais no 2022, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil nos anos 2006, 2011 e 2018, o Premio María Casares 2025 na categoría de Adaptación de texto dramático, entre outras distincións.

Pola súa banda, o xurado do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais, formado por Lucía Aldao, Carlos Álvarez-Ossorio e María Ángeles Iglesias Lopardo, decidiu outorgar por maioría, ao texto Por unanimidade, de Alberto Ramos. A decisión veu motivada “Por ser un texto humorístico con personaxes moi ben deseñados e un ton irónico intelixente, cun ritmo áxil no que destaca a capacidade de construir diálogos a seis voces. O texto introduce cuestións de actualidade e cunha base de crítica política cara o contexto cultural que axuda, a través do humor, a reflexionar sobre a propia natureza dos premios e as súas problemáticas, que ademais constrúe unha situación extrapolable a outras reunións ou encontros entre grupos de persoas que precisan chegar a acordos dende posicións diversas.”
A entrega de premios desta edición a Paula Carballeira e Alberto Ramos terá lugar mañá venres, ás 12,30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadavia, mentres a programación da MIT prevista para a tarde abrirase ás 20,00 horas na Igrexa da Madalena con Jérôme Bel, a emblemática performance do creador francés reinterpretada en galego pola artista María Roja. Coproducida coa Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, a peza propón un percorrido pola traxectoria dun dos coreógrafos máis influentes da danza contemporánea ao tempo que reflexiona sobre a propia práctica artística, a representación e o papel do intérprete.
Ás 21,00 horas, Santo Domingo convertirase no escenario de Estudo para unha atracción, da coreógrafa Poliana Lima. A proposta afonda na investigación do movemento e na relación entre os corpos e o espazo público, convidando o público a asistir a unha experiencia escénica construída desde a observación, a presenza e o encontro.
Como peche da xornada, ás 23,00 horas, o Castelo acollerá José Afonso, ao vivo nos Coliseus 1983, do Teatro Experimental do Porto. O espectáculo recupera o histórico concerto de Zeca Afonso celebrado nos Coliseus de Lisboa e Porto en 1983, mais faino desde unha mirada contemporánea que entrelaza teatro, música, performance e poesía. Lonxe de reconstruír aquel recital, a montaxe propón unha reinterpretación libre e emocional do legado dunha das figuras fundamentais da música portuguesa e da historia cultural da Península.


















