O BNG esixe ao equipo de goberno do Carballiño que cese nos seus continuos ataques ao patrimonio municipal

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño vén de emitir unha nota de prensa na que denuncia “a falta de sensibilidade e respecto” do equipo de goberno do Concello cara ao patrimonio municipal, que, entenden, se acrecentou nestas últimas datas.

Ao respecto, cualifican de “ataque ao patrimonio arquitectónico da vila” a colocación das novas luminarias na Praza do Concello, que rompen, ao entender dos nacionalistas, coa estética da mesma, ao tratarse de “farolas propias de prazas de nova construción ou de zonas deportivas, que para nada encaixan coa arquitectura secular desta contorna”.

“Un gasto de arredor de 140.000 euros, máis unha vez investido no centro da vila, mentres outros bens patrimoniais permanecen en estado de abandono”, apuntan. E poñen como como exemplo a Fonte de Flores, “a piques de secar por falta de mantemento e non de auga, ou a eira do mesmo barrio, a piques de derrubarse polo empuxe das raíces dunha árbore de grandes dimensións, máis propia de parques amplos ca de prazas”.

Por outra banda, o BNG enumera “un novo ataque ao patrimonio natural: outra vez o noso Parque, nesta ocasión, coa construción dun peche no interior da masa arborada. Unha obra que se está a realizar sen ningún tipo de información á veciñanza e sen ningún criterio, nin ecolóxico nin estético. A utilización de maquinaria pesada e de formigón para a súa fixación ao chan, xunto con materiais propios do peche perimetral dunha finca calquera, resulta totalmente impropia dun parque con case un século de historia”.

Dende o BNG esixen ao goberno local, integrado por PSdeG-PSOE e Partido Popular, “que cesen na súa teima de estragar o pouco patrimonio que nos queda, pois somos unha forza política que entende a protección patrimonial como eixo fundamental da boa gobernanza”. “Do mesmo xeito, vémonos plenamente lexitimados para facer esta esixencia como veciñas e veciños deste concello, porque entendemos o seu patrimonio como parte do noso ADN como pobo”, conclúen.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------