Un novo mural artístico embelece o barrio de Flores

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, vén de finalizar o terceiro mural do proxecto artístico urbano iniciado o pasado mes de maio e que contou coa colaboración de Sustinea, Galpi e Pinturas Orcellón A última pintura, realizada nun muro do barrio de Flores, pón en valor a multiculturalidade da vila, xa que mestura a tradición galega con flores e animais propios doutros países. “Os tres murais leváronse a cabo de xeito participativo cos centros educativos e Aspadisi, e nos tres casos, tanto na rúa Conde Vallellano e en Flores, preséntanse valores como a igualdade, a integración e a cultura”, destaca Diego Fernández, concelleiro de Cultura.

O edil avanza que o proxecto continuará durante os próximos meses noutros espazos da vila, co obxectivo de embelecer as rúas e darlle unha segunda vida aos muros. “Tamén queremos poñer en marcha o museo a ceo aberto en Flores, xa que é un barrio con moitas vivendas pequenas en desuso”, engade.

Os tres murais dos que xa desfruta a veciñanza do Carballiño foron realizados pola artista Nato Brandariz, integrante de Sustinea. Esta semana, a pintora rematou as pinturas coa aplicación do recubrimento descontaminante PurifAir, facilitado por Galpi, empresa colaboradora no proxecto. Trátase dunha medida que elimina os contaminantes habituais na atmósfera e os transforma en partículas inocuas grazas á súa tecnoloxía fotocatalítica. Deste xeito, os 220 metros cadrados aplicados con PurifAir equivalen á acción purificadora de 660 árbores e contrarrestarán as emisións anuais de 73 coches, dando conta da aposta do Concello por facer das súas rúas lugares medioambientalmente sostibles.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------