Terras de Montes recoñece a traxectoria deportiva de Roberto Rodríguez Vázquez coa ‘Medalla de Ouro 2026’

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación de Amigos da Terra de Montes concederá a súa Medalla de Ouro 2026 a Roberto Rodríguez Vázquez, en recoñecemento á súa brillante traxectoria deportiva e á súa contribución á proxección da comarca e de Galicia a través do deporte.

Nado en Querétaro (México) en 1980, é fillo de emigrantes naturais de Beariz, retornados posteriormente a Galicia. Ao longo da súa carreira converteuse nun dos nomes máis destacados do tenis galego das últimas décadas. O seu palmarés inclúe catro Campionatos Galegos Absolutos, acadados en 2012, 2015, 2016 e 2017, así como o Máster Galego de Ribeira en 2015.

No ámbito internacional, representou a México na Copa Davis e foi subcampión do mundo de veteranos en 2016. Posteriormente conquistou o Campionato de Portugal de veteranos en 2019 e o Campionato de España de dobres na categoría +40 en 2021. Na actualidade desempeña o cargo de director deportivo do Club de Campo de Vigo, onde traballa na formación de novos xogadores e na promoción do tenis galego.

Pero esta distinción non quere recoñecer unicamente os seus éxitos deportivos. A Asociación quere poñer tamén en valor a súa vinculación permanente con Beariz e coa Terra de Montes, unha relación que foi recoñecida institucionalmente en 2020 coa denominación da pista de tenis da Goberna como Pista de Tenis Roberto Rodríguez Vázquez. A súa traxectoria representa valores como o esforzo, a superación e a fidelidade ás raíces, levando o nome da súa terra de orixe alá onde competiu.

A Medalla de Ouro serálle entregada o 12 de setembro en Beariz, durante a Xuntanza dos Amigos da Terra de Montes.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------