A mirada de Otero Pedrayo guía aos máis cativos de Sandiás pola paisaxe da Limia e a Lagoa de Antela

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, ao carón da Casa da Cultura de Sandiás, acolleu o mércores 19 de agosto, de 11:00 a 12:00 horas, o obradoiro “A linguaxe da paisaxe”, unha proposta organizada polo Proxecto Furgoteca e aberta a todos os públicos que tivo como obxectivo ler a Limia e a Lagoa de Antela coa ollada de don Ramón Otero Pedrayo.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A actividade permitiu achegarse á riqueza natural, histórica e cultural da comarca da Limia da man do legado de Ramón Otero Pedrayo, especialmente aos máis cativos do concello, no marco da celebración do Ano Oteriano 2026. Durante unha sesión de 60 minutos, as persoas participantes realizaron unha viaxe pola paisaxe limiá, inspirándose na obra do escritor, xeógrafo e intelectual ourensán, que converteu este territorio nunha das súas principais fontes de inspiración.

O obxectivo da actividade foi achegar a figura de Otero Pedrayo aos nenos e nenas e fomentar o sentido de pertenza, o respecto polo territorio e a comprensión da paisaxe como un espazo vivo, estreitamente ligado á historia das persoas. A proposta combinou xeografía, literatura, poesía, historia e arte nunha experiencia práctica e participativa.

A sesión comezou cunha carta que Otero Pedrayo escribiu simbolicamente “desde o pasado” ás persoas asistentes. A continuación, realizáronse exercicios de observación e un xogo de palabras relacionado co territorio como touza, sebes, chaira…, para concluír coa creación dun mapa debuxado colectivo que recolleu a visión compartida da paisaxe e os páxaros, anfibios, animais e flora que habitaba na Lagoa de Antela así como frases significativas das súas obras referidas a Limia e a Lagoa de Antela. Finalmente expuxeron os seus traballos o resto dos grupos.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A actividade contou coa participación de Mar Penela, arquitecta especializada en educación e paisaxe, quen desenvolveu con empatía e cunha metodoloxía activa e grupal un traballo arredor do mapa da Lagoa de Antela elaborado polo Proxecto Terra. Esta iniciativa didáctica, impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, permitiu dar a coñecer e reflexionar sobre a profunda transformación que experimentou a paisaxe da comarca da Limia tras a desaparición da histórica lagoa.

Con este obradoiro, Sandiás, a través do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, ofreceu unha oportunidade para descubrir a paisaxe desde unha perspectiva cultural, educativa e emocional, reivindicando o valor do patrimonio natural e da memoria colectiva como elementos fundamentais da identidade da comarca.

A actividade converteuse así nunha oportunidade para mirar a paisaxe da Limia, coñecela, comprendela e tamén sentila.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------