A ‘Feira do Stock do Carballiño CCA 2026’ xa foi inaugurada esta tarde na Praza Maior da vila do Arenteiro, coa participación dun total de 15 establecementos adheridos ao Centro Comercial Aberto e cunha oferta de grandes descontos nos seus produtos e auténticas oportunidades para renovar a roupa e complementos do verán. Os establecementos participantes son de moda, zapatería, fogar, decoración e xoguetería, entre outros.
Ata o recinto comercial desprazouse o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, que visitou os diferentes postos de venda xunto co presidente e a xerente do CCA, Julián Garriga e Noelia Mares, respectivamente, e na compaña do alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil, e a concelleira de Comercio e Emprego, Diana González.

Gabriel Alén destacou o valor de citas coma esta, no pulo ás vendas do comercio local e á dinamización socioeconómica das vilas galegas. Neste caso, a Feira de Stock do Carballiño inclúe accións como o sorteo de tres vales de compra de 50€ e conta con máis de 15 anos de traxectoria. Precisamente, o sorteo destes vales de compra terá lugar na propia Praza Maior o vindeiro domingo, ás 18,00 horas, e os posuidores de boletos deberán estar presentes.
Neste contexto, o director xeral puxo en valor as achegas autonómicas destinadas á actividade dos centros comerciais abertos, que na convocatoria deste ano repartiu máis de 2,35 millóns de euros entre 56 entidades de toda Galicia, entre elas Carballiño Centro Comercial Aberto. Deste xeito, o Goberno galego busca impulsar o consumo nos establecementos de proximidade e dinamizar as vilas e cidades galegas.

En concreto, Carballiño Centro Comercial Aberto é unha das seis entidades beneficiarias destas achegas na provincia de Ourense cun valor total de axuda de arredor de 263.000 euros. Estes apoios enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que ten entre os seus obxectivos estratéxicos impulsar a mellora da competitividade para consolidar un sector comercial moderno, atractivo e de calidade.
A feira permanecerá aberta ao público durante as xornadas de mañá, sábado 22, e do domingo, 23 de agosto, en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 21,00 horas. Unha atractiva cita para desfrutar dun paseo polo Carballiño, descubrir ofertas, mercar produtos e, sobre todo, dando vida ao comercio local e de proximidade.
















