O BNG vén de presentar alegacións á modificación da RPT municipal por considerar que este é un pago de favores remunerado con diñeiro público a aqueles funcionarios/as que son funcionais aos intereses do alcalde
As nacionalistas presentan alegacións por falta do preceptivo informe de Intervención e por unha suba homoxénea dos complementos específicos que non se axusta ao establecido no TREBEP, ao tempo que denuncian a supresión das Xefaturas de Servizo para crear macro xefaturas afíns ao goberno local
Ourense, 25 de agosto de 2026.- O BNG vén de presentar alegacións á modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ourense, que supón unha moficación encuberta da RPT.
O portavoz municipal, Luís Seara, foi contundente: “Jácome perpetra pola porta de atrás unha modificación da RPT na que quere premiar e castigar ao persoal en función das súas afinidades, ao tempo que pretende aglutinar cada vez máis poder en menos mans”. As nacionalistas sinalan que coa modificación prevista se suprime a práctica totalidade das Xefaturas de Servizo co obxectivo de crear macro xefaturas nas que concentrar moitas máis competencias, poñendo á fronte a persoal funcionario afín aos intereses do goberno local, con importantes subidas retributivas e un maior control sobre o conxunto do persoal.
“Jácome está perpetrando a creación dunha administración na que cada vez menos persoas acumulan máis poder e onde se premia a quen é funcional aos intereses do goberno local con novos postos e importantes subidas retributivas”, afirmou Seara, quen engadiu que “non se pretende mellorar o funcionamento interno do Concello, o que se pretende é exercer un control moito máis férreo sobre o persoal aplicando a lóxica de premio e castigo”.
Nas alegacións presentadas, o BNG pon o foco en dúas irregularidades principais. Por unha banda, denuncia que a “reorganización” leva aparellada unha suba dos complementos específicos de todas e cada unha das Xefaturas de Servizo propostas, “igual e homoxénea en todos os casos”, sen ningún tipo de singularidade en función das competencias de cada posto, tal e como esixe o propio regulamento da RPT. As nacionalistas invocan o artigo 22.3 do Real Decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público (TREBEP), que establece que as retribucións complementarias deben compensar as características de cada posto, a carreira profesional ou o desempeño e os resultados acadados. Para o BNG, “resulta evidente que unha suba homoxénea de todos os complementos específicos en todas as Xefaturas de Servizo non responde ao recollido na Lei”, xa que calquera modificación substancial das funcións dun posto debería levar consigo unha avaliación previa e individualizada, e non unha suba xeneralizada que desvirtúa a natureza propia do complemento específico.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Por outra banda, o BNG denuncia a ausencia, ao longo de todo o expediente, do preceptivo informe de fiscalización previa da Intervención municipal, malia que os cambios introducidos teñen efectos económicos directos ao modificar os complementos específicos tanto das Xefaturas que se manteñen como das que se crean. As nacionalistas lembran que o propio órgano fiscalizador, no seu informe sobre as resolucións de discrepancias correspondentes ao exercicio 2025 —relativo ao incremento do complemento específico dos corpos de Policía Local e Bombeiros—, cita unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (1300/2025), do 2 de abril de 2025, que determina “o carácter preceptivo do informe da Intervención municipal sempre que a modificación dunha RPT teña consecuencias económicas”, circunstancia que, segundo o BNG, tamén concorre na modificación 5/2025 obxecto destas alegacións.


















