O Carballiño promove cursos de competencias dixitais dirixidos a mulleres desempregadas para favorecer a súa inserción laboral

-A formación impartirase, nunha primeira fase, entre os meses de setembro e outubro e será prioritariamente presencial

Carballiño, 21 de agosto de 2022

AVANTAR ACTIVIDADES

Mellorar as capacidades dixitais de mulleres residentes en zonas rurais. Este é o principal obxectivo dos cursos que promove o Concello do Carballiño e que se dirixen, preferiblemente, a desempregadas para favorecer a súa inserción laboral e reducir a fenda de xénero. O proxecto está organizado pola Dirección Xeral de Formación da Consellería de Emprego e financiado pola Unión Europea. As empresas Be Project Consultores e Ara Formación levarán a cabo esta iniciativa en colaboración co Concello do Carballiño.

A formación impartirase, nunha primeira fase, entre os meses de setembro e outubro e será prioritariamente presencial. Os cursos están compostos por tres accións formativas de competencias dixitais básicas, competencias dixitais avanzadas  e competencias dixitais para o emprendemento. Este é o calendario revisto para impartir as clases:

– Competencias Dixitais Básicas: 12/09/2022 – 22/09/2022.

– Competencias Dixitais Avanzadas: 26/09/2022 – 06/10/2022.

– Competencias Dixitais para o Emprendemento: 10/10/2022 – 21/10/2022.

Ao remate da formación, as alumnas recibirán un título acreditativo oficial. A formación realizarase nas Aulas da Uceira, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Para realizar as inscricións será necesario contactar a través do teléfono 698 197 518 ou no enderezo electrónico ourense@galegasdixitais.

Cómpre destacar que está prevista a realización de novas edicións destas accións formativas para o mes de novembro deste ano e para marzo do 2023.