Ribadavia prepárase un ano máis para celebrar os cultos e festas en honra á nosa Señora a Virxe do Portal, Patroa do Ribeiro, que terán lugar en Ribadavia entre os días 30 de agosto e 9 de setembro.
Os cultos darán comezo o domingo 30 de agosto. Ás 9,30 h celebrarase a Santa Misa no Santuario da Virxe do Portal e, ás 10,30 horas terá lugar a tradicional procesión de subida da Virxe desde o seu Santuario ata a igrexa parroquial de Santo Domingo, onde permanecerá durante os días da Novena.
A Novena na honra á Virxe do Portal celebrarase do 30 de agosto ao 7 de setembro na igrexa de Santo Domingo. O horario das misas da novena será ás 8,00, 11,00 e 20,00 horas. Os domingos 30 de agosto e 6 de setembro, as celebracións serán ao 9,30, 11,00 , 12,00 e 20,00 horas.
Os oficios litúrxicos das 20,00 horas serán presididos por don Jorge Juan Pérez Gallego, coordinador da Unidade de Atención Parroquial de San Cibrao do Carballiño e delegado episcopal para a Vida Consagrada.
Ao longo destes nove días terán lugar tamén diversos actos de especial significación. O sábado 5 de setembro, ao 22,00 horas, celebrarase o tradicional Rosario de Fachós no adro de Santo Domingo, e, o domingo día 6, terá lugar a ofrenda floral das Nais, mentres que o 7, será a quenda da ofrenda dos Carrexadores e da Confraría da Virxe do Portal.
Na xornada grande do martes 8 de setembro, festividade da Virxe do Portal, haberá misas ao 8,00, 9,00, 10,00 e 20,00 horas na igrexa de Santo Domingo. Ás 10,30 horas terá lugar a solemne procesión da Virxe do Portal, que, acompañada polas autoridades da comarca do Ribeiro, percorrerá as rúas da vila. Durante o percorrido, a procesión pasará pola tradicional alfombra floral confeccionada pola Asociación de Mulleres Rurais de Ribadavia, que este ano elaborará en flores o escudo do Concello de Carballeda de Avia, municipio encargado de realizar a ofrenda á Patroa. Ás 12,00 celebrarase a Misa Solemne, presidida polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos Montanet. Durante a celebración terá lugar a tradicional Ofrenda da comarca do Ribeiro á súa Patroa, que este ano correrá a cargo do alcalde do Concello de Carballeda de Avia, Luis Milia, ou persoa en quen delegue.
Finalmente, o mércores 9 de setembro celebraranse misas ás 11,00 e 18,30 horas na igrexa de Santo Domingo e, ás 19,00 horas terá lugar a emotiva procesión de retorno da Virxe do Portal ao seu Santuario, coa que concluirán os cultos deste ano.


















