Antón Pulido acaba de deixarnos. Aínda non son quen de asimilar a súa repentina marcha; o baleiro que deixa é tremendamente doloroso e difícil de asumir.
Con todo, a súa ausencia non significa unha despedida dos seus recordos nin un adeus á súa memoria, especialmente para quen significou algo especial nas nosas vidas: a súa familia, os seus amigos —entre os que me inclúo— e as tantas xeracións de alumnos que se formaron baixo a súa íntegra e pragmática pedagoxía.
Por iso, este mestre singular, de tan grande humanidade e de trato tan exquisito, seguirá connosco toda a vida, porque din que ninguén morre mentres alguén o lembre e mentres permaneza intacto o seu recordo na memoria de quen o coñecemos.
Quedan nos recantos da miña memoria moitas anécdotas, indescritibles vivencias e entrañables lembranzas que con tanta ilusión compartimos e que agora evoco xa con innegable nostalxia.
Cando hoxe coñecín a chamada da parca á túa porta, sentín de socato a mofa burlona da estupidez e a chacota da continxencia humana. Eu, querido Antón, estou seguro de que non esperabas esa cita tan cedo e que lle presentaches, co teu sorriso xovial, unha derradeira batalla que querías gañar, aínda que fose deixando anacos desa vida vivida con plenitude.
Déixasnos unha excelente lección que ao longo destes anos nos fuches explicando, e tamén practicando; unha lección que non está nos textos. Soubeches gozar das cousas e vivir unha vida plena: amaches, riches, choraches, cantaches, pintaches …e, como di a canción, fixéchelo todo á túa maneira.
Querido Antón: Marchaches en silencio, coa mesma dignidade e elegancia que marcaron a túa vida. A Nordesía queda hoxe sen esa voz capaz de achegar posturas nos debates e na Ágora do Orcellón haberá un baleiro enorme, lembrando como vestiches a súa imaxe de beleza e estilo desde os seus comezos. Deixas atrás unha pegada inmensa e unha gran rede de amigos que te lembrarán.

Máis alá da túa calidez humana e dese carácter xeneroso, afable e conversador que che permitía tecer pontes e cultivar infinitas amizades en cada recuncho da nosa xeografía, déixasnos un legado artístico incalculable. A túa obra pictórica, impregnada dunha forza expresiva única, de vibrantes cores e formas cheas de alma, permanecerá como o reflexo vivo da túa paixón e da túa visión do mundo.
Ao longo da túa traxectoria, destacaches como un home profundamente comprometido coa cultura e a sociedade galega. A túa vocación levoute a desenvolver múltiples facetas profesionais e institucionais: exerceches como docente deixando un fondo pouso no teu alumnado, impulsaches o ámbito editorial e asumiches responsabilidades públicas como Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
Mantiveches un papel moi activo no tecido asociativo, sendo socio e colaborador de diversas entidades e fundacións culturais coas que promoveches de xeito incansable a arte e a identidade do noso país.
Fuches un conector de vidas, un tecedor de redes afectivas e culturais arredor da arte, e sobre todo o pilar fundamental dunha familia á que adorabas: a túa inseparable Fina -alma e apoio no teu camiño- e os teus fillos, que son o teu mellor prolongamento e orgullo. Xunto a eles, e coa túa capacidade para xuntar a xentes de moi diversa orixe baixo o mesmo abrigo do teu entusiasmo contaxioso, o teu recordo seguirá sempre vivo entre nós.
Aquí deixas horizontes iconográficos de ilusión e firmamentos artísticos de estrelas luminosas que se encenderán nos teus netos e lucirán intensas na memoria dos teus amigos.
Non sei se tiveches tempo de pedir explicacións… Se aínda non tiveches ocasión de facelo, non te apures, porque aí o tempo é un concepto absolutamente descoñecido.
Desde a fronteira da vida, os teus amigos enviámosche un solemne Memento.
Avelino Muleiro


















