O Concello de Ribadavia aposta pola economía social como motor de creación de emprego e desenvolvemento do territorio

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O salón de plenos do Concello de Ribadavia acolleu esta mañá a presentación do Plan Local de Economía Social, unha ferramenta realizada ao abeiro do proxecto pioneiro da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do territorio. Trátase dunha folla de ruta que identifica as oportunidades dos sectores claves de Ribadavia, así como as accións necesarias para crear emprego de calidade, fomentar o emprendemento e fixar poboación. “Hoxe iniciamos un camiño que axudará ao desenvolvemento dos sectores claves do noso municipio como son o vitivinícola, o sector coidados e política social, o turismo, a cultura e o comercio”, destacou César Fernández, alcalde de Ribadavia, durante o acto.

Nesa liña, o alcalde recordou as importantes iniciativas de economía social que xa existen no concello, como o caso da cooperativa vitivinícola -hoxe, Viña Costeira-, posta en marcha hai case 60 anos. “É unha das máis antigas de Galicia”, recordou. Fernández agradeceu á Xunta de Galicia por impulsar este proxecto piloto, así como por elexir Ribadavia como unha das dúas vilas galegas, xunto con Baiona, na que se levou a cabo.

Pola súa parte, Marta Mariño, directora xeral de Economía Social da Xunta, resaltou a visibilización desta ferramenta entre a cidadanía: “É importante dar a coñecer e educar na economía social á poboación, que saiban que xa existen cooperativas e iniciativas de calidade”. Mariño tamén animou ao goberno local a seguir avanzando no Plan Local de cara ao futuro, e agradeceu o apoio do Concello ao emprendemento e creación de emprego no eido social.

O acto tamén contou coa presenza de Regina Bahamonde, concelleira de Emprego, e Yolanda Gómez, concelleira de Cultura, así como de emprendedoras da vila que participaron na elaboración do plan.

Tres eixes: persoas, entidades e gobernanza

Manuel Veiga, de Larega, a consultora que liderou o proxecto, deu a coñecer as conclusións do plan elaborado en Ribadavia. “Esta ferramenta permite planificar as políticas do goberno local de economía social, xa que está adaptada a este concello e ás súas necesidades”, indicou.

A elaboración do plan incluíu unha análise en profundidade da economía de Ribadavia, así como a busca de información coa administración local, empresas, cooperativas e cidadanía. A folla de ruta resultante conta con tres eixes: persoas, entidades e gobernanza. “As persoas teñen que estar sempre no centro, é preciso acompañar ás entidades existentes e ás iniciativas novas, e o goberno local debe reforzar o seu papel como axente impulsor”, resumiu.

Veiga puxo en valor a aposta do Concello de Ribadavia pola economía social, un factor “determinante” á hora de elexir ao municipio como participante no proxecto piloto da Xunta.

Eva Pérez, do Polo de Emprendemento do Carballiño, tamén participou na presentación do plan para destacar a súa potencialidade no desenvolvemento económico da comarca. “Nós sempre imos apoiar todas as iniciativas que favorezan o emprendemento no noso territorio”, asegurou.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------