Defenderán, no pleno ordinario de outubro que terá lugar este venres, unha primeira edición piloto no 2027 con 200.000 euros e un mínimo de 50 prazas para alumnado de 3º da ESO
En Ourense, a 28 de setembro de 2026. Dende o grupo municipal do PSOE propoñen a creación do programa municipal de inmersión lingüística «Ourense en Inglés», destinado a facilitar ao alumnado da cidade unha experiencia educativa nun país de fala inglesa con independencia da capacidade económica das súas familias.
A iniciativa contempla unha primeira edición piloto no ano 2027, cunha dotación inicial de 200.000 euros no Orzamento e unha previsión mínima de 50 prazas, co obxectivo de poder achegarse ás 60 en función do custo definitivo do programa.
As socialistas consideran que o dominio dunha lingua, e particularmente do inglés, constitúe hoxe unha ferramenta importante para ampliar as oportunidades educativas, académicas e profesionais da mocidade. Porén, a posibilidade de vivir durante unhas semanas nun país de fala inglesa continúa dependendo en boa medida da capacidade económica das familias, polo que desde o PSOE defenden que o Concello debe actuar para que unha experiencia deste tipo poida estar ao alcance do alumnado da cidade con independencia da súa situación económica.
A proposta toma como referencia o programa Vigo en Inglés, posto en marcha polo Concello de Vigo no ano 2008 e que na edición de 2026 conta con 1.015 participantes e un presuposto de 3.284.455 euros. Dende a súa creación, máis de 12.000 estudantes participaron nesta iniciativa. O programa ofrece unha estadía de tres semanas no Reino Unido ou Irlanda, con convivencia con familias de acollida, formación en centros educativos e actividades culturais e de lecer.
As edís socialistas consideran que Ourense debe aprender desta experiencia e adaptala á dimensión, á realidade social e á capacidade orzamentaria da cidade, sen necesidade de reproducir exactamente o modelo vigués. A proposta parte dunha primeira convocatoria de carácter piloto que permita coñecer a demanda real, avaliar o funcionamento do programa e medir tanto os resultados educativos como a satisfacción do alumnado e das familias, para posteriormente avanzar cara á súa consolidación e ampliación.
O programa estaría dirixido inicialmente ao alumnado que curse 3º da ESO, que estea empadroado no Concello de Ourense e que estea escolarizado en centros sostidos con fondos públicos. A experiencia tería unha duración aproximada de tres semanas nun país de fala inglesa e combinaría a formación lingüística coa convivencia con familias de acollida e a integración temporal nun centro educativo do país de destino.
A finalidade, polo tanto, non sería financiar simplemente unha viaxe ao estranxeiro, senón ofrecer unha verdadeira experiencia de inmersión educativa e cultural que permita ao alumnado empregar o inglés no día a día, coñecer outra realidade, gañar autonomía e regresar a Ourense cunha experiencia formativa de alto valor.
A proposta socialista incorpora ademais criterios de igualdade de oportunidades no acceso. As bases deberán combinar os requisitos académicos e lingüísticos necesarios para garantir o aproveitamento da experiencia con criterios socioeconómicos que eviten que a renda familiar se converta nunha barreira.
Neste senso, o PSOE propón establecer unha achega das familias progresiva en función da renda per cápita, garantindo a máxima cobertura municipal para aquelas con menores recursos e mesmo a exención do pagamento nos casos que corresponda.
Natalia González, voceira do grupo municipal do PSdeG e candidata á Alcaldía de Ourense, salienta que “esta dimensión social é unha parte esencial da proposta, xa que o obxectivo debe ser que a situación económica dunha familia non determine se unha moza ou un mozo pode ou non acceder a unha experiencia educativa internacional”. Defende, nesta liña, que a educación e “a igualdade de oportunidades deben formar parte das políticas municipais e tamén das decisións de investimento da cidade”.
A primeira edición concíbese así como un proxecto piloto que permita medir a demanda, avaliar o custo real por participante e coñecer os resultados educativos e o grao de satisfacción do alumnado e das familias. A partir desa avaliación, o Concello podería establecer unha senda de consolidación e incremento progresivo das prazas nas seguintes edicións, creando un programa estable e recoñecible dentro das políticas educativas municipais.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A proposta do PSOE busca, en definitiva, que aprender inglés fóra, convivir con outra cultura e coñecer outro sistema educativo non sexa unha oportunidade reservada a quen pode pagala, senón unha experiencia educativa á que tamén poida acceder a mocidade ourensá a través dunha política pública municipal.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González:https://drive.google.com/file/d/1lV8VdHZkvzcjhJroF9cwODQAjQ5zFqUT/view?usp=drivesdk
















