O BNG de Barbadás Solicitou o cambio da data do pleno ordinario do mes de marzo por coincidir coas mobilizacións do 8M

Dita petición non foi tida en conta polo Goberno Local de Barbadás, presidido polo socialista Xosé Carlos Valcárcel

Publicidade

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Barbadás, solicitou a semana pasada a través dun escrito dirixido ao alcade, o cambio de data do pleno previsto para este luns, 8 de marzo, dado que coincide co día Internacional da Muller.

Tal e como afirmaban os concelleiros Sarín Núñez e Carlos González, o obxecto de dita solicitude é “para que poidamos asistir as distintas mobilizacións que se convocan desde a CIG e desde a Marcha Mundial das Mulleres para a celebración desta data, ao tempo que co adiamento, facilitábase o dereito das traballadoras do concello a poder facer folga “.

Os nacionalistas lamentan que o actual executivo de Barbadás non tivese en conta este feito á hora de programar a sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, lamentando ademáis os argumentos esgrimidos polo Goberno Local á hora de xustificar o mantemento da data en que “ningún outro grupo solicitou dito cambio”.

Para o BNG, a implicación do Concello de Barbadás coa conmemoración do Día Internacional da Muller debe ir máis alá dunha mera declaración de intencións, polo que non comprenden a decisión de programar o pleno ordinario para ese mesmo día e sobre todo, os argumentos esgrimidos para xustificar o non adiamento do mesmo para o día seguinte.