- Xilo actuará na Praza de San Xoán e Emilio Padrón na Praza Fonte da Prata
Ribadavia, 2 de outubro de 2026
Ribadavia acollerá este domingo, 4 de outubro, unha nova edición de Domingo Vivo, a proposta impulsada polo Concello e a Xunta de Galicia no marco do programa Vilas Vivas para dinamizar o centro histórico e apoiar o comercio de proximidade. A xornada combinará música en directo, compras e premios, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a descubrir a oferta comercial da vila.
A programación contará novamente co sorteo e os premios da campaña “RASCA E GAÑA”, unha iniciativa que recompensa a fidelidade da clientela dos establecementos adheridos. A campaña busca incentivar as compras no comercio local e dar maior visibilidade aos negocios que participan no programa, achegando un atractivo adicional á experiencia de mercar en Ribadavia.

A música comezará na Praza de San Xoán coa actuación de Xilo, de 11.30 a 13.00 horas. Este espazo será un dos puntos de encontro dunha mañá pensada para pasear polo casco histórico, achegarse aos seus comercios e gozar do ambiente nas rúas e prazas da vila.
A continuación, Emilio Padrón actuará de 13.00 a 14.00 horas na Praza Fonte da Prata. O Concello incide especialmente neste cambio de localización para evitar confusións: o concerto, anunciado inicialmente na Praza Maior, celebrarase finalmente na Praza Fonte da Prata, mantendo o horario previsto.
Domingo Vivo forma parte da aposta do Concello e da Xunta de Galicia por fortalecer a actividade comercial no centro histórico, vinculando a oferta dos negocios locais con propostas culturais e de lecer que favorezan a afluencia de público. O programa Vilas Vivas pon en valor a diversidade do comercio ribadaviense, no que conviven artesanía, moda, gastronomía, viños do Ribeiro e produtos de proximidade.
Desde o Concello de Ribadavia anímase á veciñanza e ás persoas que visiten a vila a participar nesta nova edición, aproveitar a mañá para coñecer os establecementos adheridos e acompañar as actuacións musicais. Unha oportunidade para gozar de Ribadavia e apoiar os negocios que contribúen á vida e á actividade diaria do seu casco histórico.

















