O concerto será o próximo sábado 17 de outubro ás 20:00 horas, con acceso gratuíto
O Carballiño, 6 de outubro de 2026.– O saxofonista carballiñés Alexandre Cabanelas presenta o sábado 17 de outubro o seu último traballo, “Noitébrega”, no Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño. O músico, que actuará co seu formato Alexandre Cabanelas Trío, subirá enriba do escenario para tocar composicións propias, así como arranxos de estándares moi coñecidos de jazz.
“É un auténtico orgullo para nós seguir apostando e desfrutando da música feita no Carballiño”, resaltou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación do concerto. O edil felicitou a Cabanelas “por este novo paso” e recordou os seus inicios como músico: “Comezou a formarse aquí, no Conservatorio do Carballiño”. Nesa liña, convidou á veciñanza a achegarse á cita musical e desfrutar da nova proposta do saxofonista.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa parte, Cabanelas agradeceu a oportunidade de actuar “aquí, na casa” para presentar o seu último traballo. “É o primeiro disco que facemos con esta formación, somos un trío diferente ao resto, sen o habitual contrabaixo”, detallou. Alexandre Cabanelas Trío está formado polo carballiñés, Héctor Pérez á batería e Efrén Nóvoa ao baixo eléctrico.
O concerto, de acceso gratuíto, comeza ás 20:00 horas. Conta coa colaboración da Rede de Teatros e Auditorios de Ourense.

















