O Psdeg-Psoe de Ourense acusa á Xunta de “abandonar os montes de Valdeorras” e alerta de que a súa inacción esta agravando as escorrentías

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

As e os socialistas esixen actuacións de emerxencia ante os novos episodios rexistrados no Barco, Vilamartín e Rubiá e sinala que a Xunta “sabe o que hai que facer, ten recursos e leva meses sen facer nada”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta sabe perfectamente o está pasando nos montes de Valdeorras. Sabe o que hai que facer, ten recursos para facelo e, con todo, chega o outono sen ter feito os traballos necesarios. Agora os problemas aparecen coas primeiras choivas e quen paga as consecuencias son os veciños e as veciñas”, denuncian

“É difícil entender que teñamos tres millóns de euros para actuar nos montes e que a Xunta sexa incapaz de executar a tempo as actuacións. O problema non é a falta de recursos, o problema é a falta de vontade e de xestión da Consellería de Medio Rural”, afirman

Avogan por elaborar un plan integral de recuperación no que estean representadas tódalas administracións e traballar conxuntamente nas solucións para as zonas afectadas

O Barco de Valdeorras, 7 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourese acusa á Consellería de Medio Rural de ter abandonado a xestión dos montes da comarca e advirte de que a súa falta de actuación está agravando os problemas provocados polas escorrentías agora que comeza a tempada de choivas.

As e os socialistas consideran “inaceptable” que a Xunta de Galicia “leve meses sen facer os deberes” mentres os veciños e as veciñas de Valdeorras están sufrindo as consecuencias da erosión dos solos, dos arrastres e da obturación de regatos e ríos.

“A Xunta sabe perfectamente o está pasando nos montes de Valdeorras. Sabe o que hai que facer, ten recursos para facelo e, con todo, chega o outono sen ter feito os traballos necesarios. Agora os problemas aparecen coas primeiras choivas e quen paga as consecuencias son os veciños e as veciñas”, denuncian.

As e os socialistas sinalan que a retirada continuada de madeira de aproveitamento comercial, o deterioro das pistas forestais e a falta de actuacións de restauración e ordenación están deixando os montes nunha situación especialmente vulnerable ante os episodios de choiva.

A persa de solo incrementa os arrastres e provoca que madeira, terra e outros materiais rematen en regatos e cauces, favorecendo as obturacións e os desbordamentos. Unha situación que, segundo o PSdeG-PSOE de Ourense, xa se está traducindo en problemas concretos nas estradas e vías urbanas e interurbanas da comarca. De feito, este martes, 6 de outubro, volveron rexistrarse episodios no Barco, Vilamartín, A Rúa e Rubiá.

“Non podemos normalizar que cada vez que chove teñamos que estar pendentes de que regato se vai desbordar, de que pista vai quedar cortada ou onde se vai producir unha nova acumulación de arrastres”, afirman dende o PSOE Ourensán, que tamén apunta que “isto non é inevitable, é consecuencia dunha falta de prevención e de xestión por parte da Xunta.

Tres millóns e unha execución que chega tarde

O PSdeG-PSOE de Ourense lembra que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico adxudicou tres millóns de euros para actuacións en Valdeorras, destinados precisamente á restauración e reforestación, á mellora das redes de drenaxe e pistas forestais e á recuperación da biodiversidade.

Porén, denuncian que a Xunta, responsable da execución destas actuacións, está demorando os traballos. As e os socialistas lembran que este mesmo verán os niveis de execución nos concellos da Rúa e Vilamartín apenas se situaban no 15%.

“É difícil entender que teñamos tres millóns de euros para actuar nos montes e que a Xunta sexa incapaz de executar a tempo as actuacións. O problema non é a falta de recursos, o problema é a falta de vontade e de xestión da Consellería de Medio Rural”, afirman as e os socialistas

O PSOE de Ourense considera especialmente grave que, tras os incendios, non se puxese en marcha unha actuación suficientemente ambiciosa de restauración, reforestación e mellora das redes de drenaxe. “Despois dos incendios había que actuar sobre o terreo para evitar precisamente o que está acontecendo agora. Non o fixeron a tempo e estamos pagando as consecuencias. Cada chuvia forte arrastra máis terra, máis madeira e máis materiais cara aos cauces”, sinalan.

A Xunta non pode seguir mirando para outro lado

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia ademais que a Consellería non está destinando fondos propios suficientes ao coidado dos montes de Valdeorras e que, ao mesmo tempo, está xestionando “tarde e mal” os recursos achegados polo Goberno de España.

Por iso, as e os socialistas esixen á Xunta que actúe inmediatamente, habilite unha partida orzamentaria específica para a restauración e reforestación dos montes da comarca e concrete as actuacións necesarias en cada zona. Asemade, reclaman que, ante o inicio da temporada de chuvias, os traballos se adxudiquen polo procedemento de emerxencia para evitar que a falta de actuación siga incrementando o risco.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


“A Xunta non pode seguir mirando para outro lado. Queda todo o outono por diante e as chuvias acaban de empezar. Se non actúan agora, os problemas poden ir a máis. Xa non vale anunciar plans nin prometer actuacións: hai que limpar, restaurar, reforestar e mellorar as redes de drenaxe. E hai que facelo xa”, conclúen dende o PSOE ourensán.

Para as e os socialistas, “os veciños de Valdeorras non poden ser os que paguen a factura da incompetencia da Xunta na xestión dos montes”. Asemade, tamén avogan por elaborar un plan integral de recuperación no que estean representadas tódalas administracións e traballar conxuntamente nas solucións para as zonas afectadas

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------