Persoal de banca mobilízase en Ourense contra o deterioro das condicións laborais

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A CIG está a desenvolver unha campaña de protestas para rexeitar tamén a presión comercial e reclamar un sector socialmente responsábel

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 6 de outubro de 2026.

Persoas delegadas sindicais da CIG-Banca desenvolveron hoxe concentracións diante das entidades bancarias de Ourense para denunciar o deterioro das condicións laborais, en especial a perda de poder adquisitivo. As protestas fan parte da campaña de mobilizacións que está a desenvolver a central sindical para rexeitar a presión comercial sobre o persoal para que venda produtos financeiros que a clientela non demanda e reclamar un sector socialmente responsábel.

Dende a CIG lembran que se viña duns convenios cos que se perdeu un 25% dos salarios por non contemplar cláusula de revisión anual vinculada ao IPC, “pero malia estes antecedentes, CCOO e UGT asinaron os actuais convenios -co SIB no sector do aforro e con FINE no de banca- sen cláusula de revisión salarial anual”. De xeito que a día de hoxe co IPC no 5%, o persoal padecerá unha nova perda de poder adquisitivo, xa que non contará cos atrasos.

A isto hai que engadir a conxelación das compensacións por quilometraxe, cuns combustíbeis que dobraron o prezo, “polo que hai compañeiros e compañeiras que pagan do seu peto por ir traballar”. Na central sindical consideran que non se trata de negociar mal ou dun erro na negociación, senón dunha nova cesión ante uns bancos que teñen beneficios millonarios. “Con grandes beneficios a banca repártenos perdas, co visto bo dos sindicatos que están ao servizo das empresas”.

Ao mesmo tempo, lembran que o propio traballo foi a peor, xa que as persoas empregadas do sector sofren un” auténtico acoso” para colocar produtos financeiros que a clientela non demanda e que teñen que vender baixo presión “para seguir enchendo os petos das entidades financeiras”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Segundo sinalan, as instrucións son “vender, vender e vender”, sen poder sequera analizar o que se vende nin a quen, con múltiples campañas para colocar produtos financeiros. “Xornadas maratonianas baixo unha falsa flexibilidade, con obxectivos desmesurados que aumentan acotío, asignando unha carga de traballo imposible de realizar na xornada legal; e nin pagan as horas extra, nin as cotizan, nin as rexistran”, critican.

E cando as vendas non alcanzan os obxectivos “ameázannos con traslados, despedimentos, ataques á dignidade persoal e profesional, e aumenta a presión comercial. Esta é a violencia laboral coa que nos atopamos día a día cando imos traballar”. Até o punto de converter consumo de ansiolíticos ou antidepresivos “nunha triste normalidade que fai que para moitas persoas traballar nun banco sexa traballar enfermas, nun entorno que as enferma”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------