Este pasado martes, 6 de outubro, participamos, a través dunha sesión en liña, no VIII Barómetro do Terceiro Sector, dando continuidade a investigacións anteriores, contribuíndo a esa radiografía de referencia que analiza a realidade de todo o sector social en España. Estes estudos cuantitativos e cualitativos, recollen datos, coñecementos e experiencias de entidades e persoas expertas no sector co fin de ampliar o coñecemento sobre a súa estrutura e funcionamento, dimensión, contribución social, económica, laboral e tendencias futuras ás que se dirixe.
O Terceiro Sector de Acción Social somos asociacións, fundacións, federacións, confederacións, redes, plataformas… que impulsamos o recoñecemento e o exercicio dos dereitos/deberes ao servizo das persoas e colectivos máis vulnerables, para lograr a cohesión e a inclusión en todas as súas dimensións.
En España non existe unha fonte estatística oficial que permita coñecer o impacto e evolución deste sector e é a Plataforma de ONG de Acción Social a que a través de diversas investigacións trata de mellorar este coñecemento.
https://www.plataformaong.org/tercer-sector-accion-social.php
Nesta ocasión estivemos con persoas de diferentes territorios (Navarra, Castela e León, Andalucía, Valencia…) que representaban a variadas organizacións (Mans Unidas, Síndrome de Down, Fundación TAS, As. Bylinedu, AGDEM…) e cualificamos este momento do terceiro sector como forte, ameazado, cohesionado, perdendo credibilidade, diverso … Reflexionamos en que medida somos unha cadea de transmisión; a dependencia económica; o que nos obrigaron a cambiar; a percepción xeneralizada das 2 ou 3 grandes ONG que eclipsan a outras pequenas, próximas que achegamos particularidades ben significativas.
E tamén analizamos, entre outros asuntos, os rangos de idades do noso voluntariado, o compromiso, o déficit democrático que nos preocupa aos que cremos e loitamos por unha sociedade organizada con desafíos compartidos.
















