Este sábado (día 17), O Carballiño rende homenaxe a Roberto Fernández Viñal no 20 aniversario do seu falecemento

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • A Asociación da Memoria da Castela Galega organiza un acto social o sábado 17 de outubro na Casa da Cultura do Carballiño para recordar a figura do histórico dirixente nacionalista.

O Carballiño, outubro de 2026. A Asociación da Memoria da Castela Galega convoca á veciñanza a un acto social en recordo de Roberto Fernández Viñal, coincidindo co 20 aniversario do seu falecemento. O evento terá lugar o vindeiro sábado 17 de outubro ás 12:00 horas na Casa da Cultura do Carballiño.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O acto contará coas intervencións de Marisol Sobrado, compañeira de Roberto; Eladino Cabanelas, compañeiro na militancia nacionalista; e Manuel Vázquez, presidente da Asociación da Memoria Castela Galega. A música correrá a cargo de Roberto Sobrado e Alexandre Graña. A organización informa ademais que, se alguén máis desexa dicir unhas palabras, poderá facelo durante o propio acto.

Traxectoria dun nacionalista histórico

Roberto Fernández Viñal, definido polos seus como un “nacionalista galego de pensamento e obra”, foi unha figura clave no nacionalismo da comarca. Carpinteiro de profesión, militou desde os anos 70 na UPG e foi xunto co seu compañeiro Xan Alfonso García, o primeiro concelleiro do BNG na corporación municipal do Carballiño en 1979. Entre 1995 e 1999, ocupou a Concellería de Obras e Urbanismo na vila do Arenteiro, destacando polo seu carácter discreto, a súa busca de solucións e a súa entrega ao proxecto nacionalista. Foi candidato do BNG nas eleccións municipais de 1999.

Un adeus multitudinario

O seu falecemento, ocorrido de forma repentina mentres durmía o 17 de outubro de 2006 aos 54 anos, supuxo unha perda irreparable para o nacionalismo galego. O seu enterro, celebrado na parroquia natal de Longoseiros, congregou a medio milleiro de persoas, entre veciños, amigos, compañeiros e representantes da vida política.

A pesar do forte temporal de vento e choiva, centos de persoas acompañaron o cortexo fúnebre. Entre os asistentes atopábanse destacados cargos institucionais da época, como o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; o alcalde de Allariz, Francisco García e numerosos concelleiros de todos os grupos políticos. Durante a cerimonia, o cadaleito foi cuberto pola bandeira galega coa estrela vermella e cantouse o Himno Galego como derradeira homenaxe a un home que, nas palabras dos seus compañeiros, “amaba a súa terra tanto como aos seus amigos”.

Vinte anos despois, os seus veciños e compañeiros de militancia reúnense para manter vivo o seu legado e reivindicar a súa figura como un exemplo de dedicación ao traballo a prol do nacionalismo e do Carballiño.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------