- Galiza hipotecada: a Xunta cede 2.077 km² —o 7% do país— a canteiras e minas nun único DOG, co 17% de Lugo en mans extractivas.
- A minería a ceo aberto e subterránea xera impactos irreversíbeis sobre o territorio, a auga, a biodiversidade e o emprego no sector agrogandeiro galego. Nas últimas décadas, a sociedade civil galega logrou paralizar proxectos mineiros de grande impacto. Agora o goberno galego declarou francos e convocou concurso público para 151 dereitos mineiros caducados.
- Dende os colectivos asinantes desta nota queremos anunciar que imos a recorrer este concurso público, por consideralo lesivo para os intereses da cidadanía galega. Animamos a toda a cidadanía a recorrer, a difundir esta información e a organizarse para defender o territorio, a auga, os alimentos e a vida.
Galiza, 14 de outubro de 2026. A Xunta de Galicia vén de consumar a maior entrega de territorio a multinacionais mineiras da historia recente de Galiza. Nun único Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 193, do 9 de outubro), o Goberno galego declarou francos e convocou concurso público para 151 dereitos mineiros caducados, que abranguen unha superficie total de 207.746 hectáreas (2.077 km²). Esta cifra equivale ao 7,02% da superficie total de Galiza.
A provincia de Lugo é a máis agredida: 168.096 hectáreas, o 17,07% da provincia, quedan en mans extractivas. Séguenlle A Coruña (21.489 ha, 2,70%), Pontevedra (9.788 ha, 2,18%) e Ourense (8.374 ha, 1,15%).
No seguinte mapa, elaborado polo Sindicato Labrego Galego, pódese visualizar unha mostra da minaría no territorio galego:
Un novo capítulo dunha estratexia continuada
Esta operación non é un feito illado. Nas últimas décadas, a Xunta persistiu nunha estratexia de facilitación da minería industrial:
Tentativa de aprobación do Plan de Actividades Extractivas, fortemente criticado polos colectivos sociais no ano 2014. Modificación do marco legal cada vez máis favorábel ás grandes empresas extractivas —coa Lei 5/2017 de fomento de iniciativas empresariais, a Lei 9/2021 de simplificación administrativa e a Lei 2/2024 de promoción dos beneficios sociais e económicos—, que eliminaron controis ambientais fundamentais, reduciron os prazos de exposición pública e outorgaron á Consellería de Industria a potestade de decidir sobre a utilidade pública dos proxectos e a súa prevalencia sobre a actividade agraria.
A Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan Recursos Naturais de Galiza
Esta norma, impulsada pola Xunta no ano 2024, distorsiona a utilidade das Declaracións de Impacto Ambiental (DIAs) incluíndo nas mesmas criterios económicos. Privilexia o gasto de auga e ocupación de terras por negocios privados en detrimento dos usos que realice a poboación da zona a nivel particular ou profesional. Ademais, carece de previsión de mecanismos de participación pública —tanto a nivel institucional como social—, vulnera competencias municipais e introduce un ton xeral de arbitrariedade e flexibilización da aplicación de normativas cando se trata de macroproxectos industriais.
O resultado é unha fonda desprotección da poboación rural e unha democracia ambiental debilitada, mentres a administración segue a favorecer os intereses das empresas mineiras co historial de contaminación e irregularidades que acumulan.
Irregularidades xeneralizadas na tramitación dos proxectos mineiros
A tramitación dos proxectos mineiros en Galiza está a acumular irregularidades que vulneran os dereitos da cidadanía e consolidan un modelo de exclusión da veciñanza nos procedementos administrativos. A Xunta está a denegar sistematicamente a condición de persoa interesada a veciñas, propietarios e organizacións sociais que presentan alegacións en proxectos mineiros, esta práctica contradí a norma legal que establece que as organizacións representativas de dereitos económicos e sociais “serán titulares de intereses lexítimos colectivos”. Ao negarlles a condición de parte interesada, a Xunta impide que a veciñanza acceda aos informes técnicos actualizados, presente alegacións fundamentadas, solicite probas e poida recorrer a autorización final ante os tribunais, xerando unha situación de indefensión.
Os impactos da minería: unha realidade documentada
A minería a ceo aberto e subterránea xera impactos irreversíbeis sobre o territorio, a auga, a biodiversidade e o emprego no sector agrogandeiro galego. Moitas zonas mineiras testemuñan esta realidade, na Galiza e en todo o mundo.
Contaminación das augas: Os residuos, lixiviados e metais pesados asociados á actividade mineira incorpóranse aos sedimentos e organismos acuáticos. A mina de Touro, abandonada sen restauración, segue a verter augas ácidas con metais pesados aos afluentes do río Ulla, contaminando os sedimentos da ría de Arousa. O caso de San Finx (Lousame). A xustiza suspendeu cautelarmente a autorización de vertido da mina tras alertar de “danos ambientais irreparábeis” sobre a ría de Muros-Noia.
Perda de terras agrarias: Estes proxectos acaparan miles de ha de superficie agraria, deixando a terra inservíbel para a gandaría e a agricultura, destruíndo centos de empregos no rural.
Incompatibilidade con outras actividades artesanais, turismo etc
Risco para a saúde pública
Algúns deses proxectos que a oposición cidadá conseguiu parar e que este concurso impulsa de novo
Nas últimas décadas, a sociedade civil galega logrou paralizar proxectos mineiros de grande impacto. Estas loitas son a proba de que existe unha alternativa ao modelo extractivo e de que a cidadanía galega non está disposta a sacrificar o seu territorio.
CORCOESTO (Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso):
O proxecto de mina de ouro a ceo aberto promovido pola canadense Edgewater, que pretendía usar cianuro no proceso de lixiviación, xerou unha oposición social masiva. Máis de 1.000 persoas manifestáronse en Coristanco baixo o lema “Polo futuro da vida e da terra. Non á minería a ceo aberto”.
A loita tivo éxito: en 2013 a Xunta denegou o proxecto por falta de solvencia financeira e técnica, e en 2015 declarou a caducidade das concesións. A empresa recorreu ao TSXG, ao Supremo e mesmo a unha arbitraxe internacional, pero perdeu en todas as frontes. O tribunal arbitral desestimou as reclamacións de Edgewater, avalando a capacidade da administración galega para actuar en defensa do interese público.
SUÍDO (Beariz, Ourense) — Mina de Doade:
O proxecto de mina de litio da empresa Recursos Minerales de Galicia (Grupo Samca) xerou a oposición da plataforma SOS Suído-Seixo, que recolleu firmas, realizou mobilizacións e presentou centos de alegacións contra o proxecto. A mina prevé extraer litio a menos de 1 km de dous núcleos de poboación, con risco de formación de augas ácidas e mobilización de minerais radiactivos como o cesio ou o rubidio.
Denegouse no ano 2020 pero na actualidade está de novo en tramitación
A plataforma denunciou prácticas de desinformación por parte da empresa, que simulou unha apertura de sede fiscal con imaxes manipuladas para “facer crer que o proxecto é inminente e inevitábel”. A pesar de que a mina foi declarada “estratéxica” pola UE, a oposición social mantense firme.
A mina de Doade continúa, a día de hoxe, sen autorización ambiental e sen resolución administrativa definitiva.
A necesidade do territorio para producir alimentos e auga
En Galiza, a terra e a auga non son recursos abstractos: son a base da vida, da alimentación e do emprego de miles de familias.
Produción de alimentos: O sector agrogandeiro galego depende directamente da calidade do solo e da auga. Cando unha mina se instala nun territorio, “ese lugar xa non volve ser o mesmo. As augas e os solos non se recuperan. E as granxas agrogandeiras que dependen desa auga e desa terra simplemente desaparecen”. As 200 granxas agrarias afectadas só polo proxecto de Frades-Mesía-Oroso-Ordes son un exemplo do que está en xogo.
Auga para a poboación: O informe da Consellería do Mar sobre Touro alerta de posíbeis afeccións aos abastecementos de auga de varios núcleos rurais. Os manantiais que fornecen de auga potábel ás aldeas están en risco de contaminación por lixiviados e metais pesados. A mina de Touro xa contaminou os afluentes do Ulla con metais pesados que chegaron á ría de Arousa.
Auga para o marisqueo: A ría de Arousa é un dos principais espazos produtores de acuicultura de Galiza. O sector marisqueiro e bateeiro depende da calidade das augas. A Asociación Europea de Produtores de Moluscos advirte que os proxectos de minería en concas fluviais sensíbeis “supoñen riscos significativos para a calidade da auga, a saúde dos ecosistemas e a viabilidade das zonas de produción costeiras”. Especies comerciais como o mexillón, a ameixa e o berberecho poden verse afectadas pola bioacumulación de metais pesados.
Os datos do concurso
| Tipo | Nº dereitos | Superficie (ha) |
|---|---|---|
| Concesións directas de explotación | 32 | 6.092 |
| Permisos de investigación | 119 | 201.654 |
| TOTAL GALIZA | 151 | 207.746 |
Equivalencias impactantes:
- 207.746 ha = 2.077 km²
- Equivale a 7 veces a superficie de Santiago de Compostela
- Equivale ao 7% de todo o territorio galego
Que tipo de minerais e minería agresiva se destaca neste concurso?
Este concurso non é unha convocatoria calquera: nel destaca un tipo de minería especialmente agresiva, centrada en minerais metálicos estratéxicos e críticos. Segundo a análise dos dereitos convocados, os minerais metálicos —principalmente litio, tungsteno, estaño, ouro, cobre, chumbo, zinc, niobio e tantalio— constitúen a categoría con maior proporción en valor e número de dereitos de explotación. Os 27 dereitos de explotación concéntranse case exclusivamente na provincia de A Coruña, con San Finx (tungsteno e estaño), Corcoesto (ouro) e Mesía (caolín, cuarzo e arcilla) como principais focos.
Os minerais críticos son o eixo central da convocatoria. Galiza posúe 18 das 34 materias primas críticas identificadas pola Unión Europea. A Xunta posiciona explicitamente minerais como o litio, tungsteno, estaño, niobio e tantalio como “recursos relevantes para a industria do século XXI”, dirixidos aos sectores de defensa, aeroespacial e automoción. Isto tradúcese nunha minería a ceo aberto e subterránea de altísimo impacto: extracción de litio en Beariz/Beade a menos de 1 km de núcleos de poboación, con risco de augas ácidas e mobilización de minerais radiactivos como o cesio ou o rubidio; reapertura de minas de tungsteno e estaño como San Finx, con vertidos suspendidos cautelarmente por “danos ambientais irreparábeis”; e proxectos de ouro como Corcoesto, que xa foron rexeitados pola Xunta e polos tribunais.
A distribución rexional confirma esta orientación agresiva: Lugo céntrase en cobre, ouro, chumbo e zinc; Ourense en coltán, tungsteno, litio e estaño; Pontevedra en litio, tungsteno e estaño; e A Coruña en tungsteno, estaño, cuarzo, lignito e serpentina. Non se trata, pois, de minería de proximidade nin de pequena escala: é minería industrial, a ceo aberto e subterránea, orientada á extracción de minerais críticos para a transición enerxética e a industria armamentística, con impactos irreversíbeis sobre o territorio, a auga e a vida.
Galiza non é unha mina
A cidadanía galega ten dereito a saber que, nun só día e sen debate público previo, a Xunta puxo en mans privadas unha superficie superior á de toda a provincia de Pontevedra. As plataformas veciñais, os colectivos ambientais e a sociedade civil organizada seguen a defender que outro modelo de xestión dos recursos naturais é posíbel: un modelo que priorice a protección do territorio, a produción de alimentos e a auga para a poboación.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os colectivos asinantes imos recorrer este concurso e poñemos os recursos a disposición da veciñanza!
Dende os colectivos asinantes desta nota queremos anunciar que imos a recorrer este concurso público, por consideralo lesivo para os intereses da cidadanía galega. Ao mesmo tempo, poñemos a disposición da veciñanza modelos de recurso para que calquera persoa, colectivo ou entidade afectada poida presentar as súas propias alegacións e recursos contra esta entrega masiva de territorio ás mineiras. Animamos a toda a cidadanía a recorrer, a difundir esta información e a organizarse para defender o territorio, a auga, os alimentos e a vida.
ASINAN:
– Asociación Autonómica Cultural e Ambiental “Petón do Lobo”
– BerXallas minaría destrutiva NON
– Comisión de Seguimento da Minería e Defensa do Rural Mesía-Frades
– Contramínate
– IEM – Instituto de Estudios Miñoranos
– Plataforma en contra a mina de Coéns
– Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños
– Salvemos Monteferro
– Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL)
– SOS Suído-Seixo
– Sos Serra da Groba

















