O PSdeG-PSOE de Ribadavia pregunta a goberno local sobre a posible perda de 300.000 euros en axudas do Estado para reparar os danos das inundacións

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Grupo Municipal Socialista de Ribadavia considera que o alcalde debe asumir responsabilidades políticas e presentar a súa dimisión tras coñecerse que o Concello deixou perder unha subvención estatal que podía supoñer máis de 300.000 euros para reparar os danos ocasionados polas inundacións do pasado inverno. Non estamos ante un simple erro administrativo. Estamos ante unha gravísima falta de xestión que supón un enorme prexuízo económico para Ribadavia e para toda a súa veciñanza.

O propio alcalde de Ribadavia comunicou ao Goberno do Estado danos valorados en 616.000 euros, incluíndo actuacións en pontes, camiños municipais, paseos fluviais, abastecemento, saneamento e outras infraestruturas afectadas polas intensas chuvias. Porén, cando chegou o momento de presentar a documentación necesaria para acceder á subvención, o Goberno municipal non a tramitou, deixando escapar unha
axuda que podía financiar ata o 50% do investimento realizado.

Para o grupo socialista “resulta absolutamente incomprensible que un Concello que foi dos máis afectados polas inundacións renunciase a un financiamento extraordinario desta importancia, mentres outros 43 concellos da provincia de Ourense e a propia Deputación si aproveitaron esta oportunidade”. E engaden que “a situación resulta aínda máis preocupante”, despois da resposta dada polo gobenro local nunha comisión informativa.” A preguntas da voceira socialista, Noelia Rodríguez, “a concelleira responsable do servizo recoñeceu que non dispoñía de información sobre por qué non se presentou a documentación e limitouse a indicar que respondería por escrito. É inadmisible que a responsable política dunha área descoñeza por que o Concello perdeu unha subvención destas características. Iso evidencia unha absoluta falta de coordinación, control e responsabilidade dentro do goberno municipal”, apuntan dende o PSdeG-PSOE.

Neste sentido, o grupo socialista subliña que “se o propio Concello foi quen de valorar os danos en máis de 616.000 euros, non existe ningunha explicación lóxica para que despois non completase un procedemento administrativo relativamente sinxelo que permitiría recuperar máis de 300.000 euros para reparar infraestruturas municipais”.

En consecuencia, o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ribadavia esixe explicacións inmediatas sobre: por qué non se presentou a documentación necesaria; quén tomou esa decisión; se existiu algún informe técnico ou económico que xustificase esa decisión e cál é exactamente a contía que deixou de percibir Ribadavia.

Por todo iso, o PSdeG-PSOE de Ribadavia considera que o alcalde debe asumir as consecuencias políticas desta gravísima neglixencia e presentar a súa dimisión, “xa que os veciños e veciñas de Ribadavia merecen un Goberno que aproveite todas as oportunidades de investimento para o municipio e non un alcalde que deixa escapar centos de miles de euros por unha xestión deficiente”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------