Marisol Díaz destaca en Ourense a xestión transversal da Xunta para controlar a poboación de xabaril

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A directora xeral de Patrimonio Natural aposta por combinar a prevención de danos, o control poboacional, a seguridade viaria, a vixilancia sanitaria e a cooperación entre administracións

Ourense, 21 de outubro de 2026.- A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participou hoxe en Ourense na xornada técnica de sinistros con animais organizada pola Dirección Xeral de Tráfico, onde expuxo o modelo de xestión coordinada da Xunta de Galicia para facer fronte aos efectos derivados da presenza do xabaril.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Durante a súa intervención, Marisol Díaz salientou que a resposta ante esta problemática debe ser transversal, flexible e adaptada ás características de cada territorio. Neste sentido, explicou que é necesario combinar a prevención de danos, o control da poboación, as actuacións sobre as infraestruturas viarias, a vixilancia sanitaria, a información e a cooperación institucional.

A directora xeral detallou que o Goberno galego desenvolve un amplo paquete de medidas articulado arredor de cinco liñas principais:

  • A prevención dos danos mediante axudas para a instalación de pastores eléctricos.
  • A compensación económica das perdas ocasionadas nos cultivos.
  • O control poboacional a través da actividade cinexética, as capturas en vivo e as actuacións específicas en contornas urbanas.
  • A mellora do coñecemento da especie mediante a monitorización e a integración de datos sobre capturas, danos e accidentes.
  • A valorización da carne de caza e a súa incorporación ordenada á cadea alimentaria.

Marisol Díaz subliñou que, ante a persistencia dos danos e o incremento da sinistralidade, a Xunta decretou en 2026, por primeira vez, a emerxencia cinexética temporal en toda Galicia. Esta medida busca reforzar o control da poboación de xabaril, estimada nuns 82.200 exemplares, cunha densidade media de 2,77 animais por quilómetro cadrado.

A responsable autonómica puxo tamén o foco no impacto desta especie sobre o sector agrogandeiro e a seguridade viaria. Ata o 1 de xullo de 2026 rexistráronse 4.918 avisos por danos causados por xabarís, mentres que en 2025 se comunicaron 4.080 sinistros viarios con estes animais en Galicia, dos cales 1.218 tiveron lugar na provincia de Ourense.

Así mesmo, destacou a elevada implicación do sector cinexético. Durante a tempada 2024-2025 leváronse a cabo 15.573 accións e rexistráronse 18.884 capturas de xabaril, cifras que, segundo indicou, evidencian unha importante mobilización dos cazadores e das entidades vinculadas á actividade cinexética.

Marisol Díaz advertiu tamén dos conflitos crecentes provocados pola presenza destes animais en zonas urbanas e periurbanas, así como do risco sanitario asociado á peste porcina africana.

Para concluír, a directora xeral incidiu en que o reto do xabaril é multicausal e require unha resposta coordinada. Neste contexto, destacou o papel da Xunta, dos concellos, da DXT, da Garda Civil, dos titulares das vías, da Federación Galega de Caza, dos tecores e dos propios cazadores.

Na xornada participaron tamén o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, representantes do Goberno de Cantabria e responsables dos distintos ámbitos relacionados coa xestión da fauna silvestre e a seguridade viaria.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------