O ciclo CatArte, organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Centro Cultural Marcos Valcárcel celebra este mes de novembro a súa 12ª edición, consolidándose como unha proposta que une cultura, viño, música e solidariedade. A iniciativa ofrecerá catro encontros nos que o público poderá gozar dunha experiencia que combina a degustación de viños coa música e o compromiso cunha causa solidaria.
A programación desenvolverase os días 5, 12, 19 e 26 de novembro, coa participación de varias adegas. A primeira cita, o día 5, contará coa presenza dos colleiteiros Casal do Canteiro e Pousadoiro acompañados da actuación musical de Iago Vázquez. O día 12 será a quenda do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, que presentará os seus viños institucionais nunha sesión que contará con Lois Alonso, recanteiro do Luar 2026. O día 19 participará Casal de Armán, cunha actuación da banda Soul&Roll, mentres que a programación clausurarase o día 26 coa participación de Bodega Alanís, nunha sesión que contará con Álvaro Alonso como DJ. Todas as xornadas estarán acompañadas de algún petisco gastrononómico.
Ao longo destas doce edicións, CatArte aposta polo encontro entre a cultura vitivinícola e as propostas musicais, creando un espazo de convivencia no que descubrir viños, gozar da música e compartir experiencias. A iniciativa contribúe así á difusión da riqueza enolóxica galega e á dinamización da actividade cultural.
A dimensión solidaria volve ser unha das protagonistas desta edición. A iniciativa destinará a súa recadación solidaria á Fundación Diego González Rivas, apoiando a labor humanitaria que desenvolve esta entidade. As entradas solidarias terán un prezo de 9 euros e poderán adquirirse a través da plataforma en liña Entradium. Con esta XII edición, CatArte reafirma o seu compromiso cunha cultura aberta, participativa e solidaria, na que o viño e a música se converten nun punto de encontro para gozar da cultura e colaborar cunha boa causa.

















