Cine Club Carballiño programa un total de cinco filmes para os meses de novembro e decembro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un total de cinco películas integran a programación dos meses de novembro e decembro do Cine Club Carballiño, que comezará o venres 6 de novembro cunha proxección moi especial, “Naza”, o documental dos directores israelies Yubal Abraham e Raches Szor que está causando un verdeiro impacto nas salas onde se proxecta. Rodada pola noite nos tellados de Tel Aviv, a película revela con todo detalle os mecanismos que hai detrás do asasinato en masa deliberado de civís palestinos en Gaza por parte das tropas de Israel. Naza é a verba usada polo exército israelí para denominar ás vítimas como “danos colaterais”.

Un documental esclarecedor e contundente sobre a banalidade do mal, tan característica dos nosos tempos. Son 80 minutos electrizantes que removen as nosas conciencias e nos amosan quen son as víctimas. Recibiu numerosos premios, aparte dos eloxios da crítica: Premio especial do Xurado no Festival de Venecia, Premio do público en San Sebastián e Mellor filme europeo, Premio do público no Festival de Morelia, etc.

O día 20 de novembro continúa o programa co filme galego “Así chegou a noite”, segunda longametraxe de Ángel Santos. Filme intimista e sosegado, indaga sobre as dificultades das relacións humanas e os compromisos. Unha reflexión fermosa e poética sobre o concepto de desaparecer. Se a súa axenda o permite, intentaremos contar coa presenza do director para presentar a súa última obra, coa que gañou o premio ao Mellor director no Festival de Xixón. 

Xa en decembro, as proxeccións ábrense o día 4 con “El mago del Kremlin”, do francés Olivier Assayas, unha disección da Rusia actual e os entresixos e miserias do poder que rodean a figura de Putin. O día 11, unha proxección moi especial, “Ladrones de fuego”, o filme de Francisco José Baquero centrado na problemática dos incendios forestais en España e rodada en parte en Galicia. O propio director e parte do equipo achegaranse ao Auditorio do Carballiño para a presentación e coloquio sobre a película.

E Cine Club pecha o ano o 18 de decembro con “La tarta del presidente”, do director iraquí Hasan Hadi, un retrato neorrealista do Irak dos anos 90 de extraordinaria beleza, un auténtico canto á vida e á esperanza, que nunca veñen mal nestes tempos oscuros. O fime gañou a Camara de Ouro á Mellor Opera Prima no Festival de Cannes e o Premio do Público na sección Un certain regard.

As sesións terán lugar no Auditorio Manuel María do Carballiño en horario de 20,00 e 22,30 horas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------