Defende que haxa debates electorais específicos para que a cidadanía poida coñecer e contrastar as propostas de cada formación
“Saímos a esta campaña con propostas de avance social e para facer valer Ourense” sinala Presas
Ourense, 12 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, reivindica a necesidade de que Ourense teña un papel protagonista durante a campaña electoral e que a cidadanía poida coñecer con claridade as propostas das distintas formacións políticas. Neste sentido, defende a celebración de debates electorais específicos sobre Ourense evidenciando que o bipartidismo clásico nunca deu solucións reais aos problemas das e dos ourensáns.
Ourense, sinalou Presas, non pode volver quedar á marxe dunha campaña electoral en que se fale de todo menos dos problemas reais da xente. Precisamos debater sobre as dificultades para acceder a unha vivenda, o aumento do custo da vida, os salarios, as pensións, os servizos públicos e as infraestruturas que seguimos agardando.
A candidata nacionalista considera que os debates constitúen unha ferramenta fundamental para garantir unha cidadanía informada e para que cada formación explique que medidas propón e que compromisos está disposta a asumir. “A xente ten dereito a coñecer que defende sen esquecer a súa propia hemeroteca. O bipartidismo quere que a campaña sexa por arriba mais ten que servir para falar dos problemas concretos do País e, especialmente, dos que afectan a Ourense” afirma, apelando ao resto de cabezas de lista doutras formacións e aos medios de comunicación.
Unha campaña intensa centrada en Ourense
Presas subliña que Ourense afronta desafíos específicos que deben ocupar un lugar central no debate político. “Fronte á madrileñización da política e fronte a quen converte os parlamentos nun meme, no BNG somos xente seria que nos tomamos en serio os problemas da xente” apunta.
A cabeza de lista nacionalista asegura que o BNG encara esta campaña coa vontade de explicar as súas propostas e de escoitar as demandas da cidadanía, mantendo o contacto directo coas persoas, cos colectivos sociais e cos sectores económicos. “Saímos a esta campaña con propostas de avance social e para facer valer Ourense” destacou durante a súa intervención.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Hai ventos de cambio e a toda esa xente decepcionada con case 50 anos de bipartidismo estéril eu dígolles que aquí está o BNG e pedimos a oportunidade de demostralo” afirmou Presas. Do punto de vista da candidata do BNG, “Ourense merece ser escoitada, merece respostas e merece que se fale do seu futuro. O 29 de novembro temos a oportunidade de facer historia e poñer, dunha vez por todas, enriba da mesa os problemas das e dos ourensáns e as solucións que precisamos. Para iso, o primeiro é que haxa debate, propostas e compromisos claros coa xente de Ourense” conclúe.

















