O PSdeG-PSOE de Ourense reivindicou este luns, nunha rolda de prensa celebrada no Carballiño, o compromiso dos gobernos socialistas coa defensa das pensións públicas e a mellora do poder adquisitivo das persoas maiores. Nestes primeiros días da campaña das eleccións xerais, as e os socialistas puxeron en valor o traballo desenvolvido polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir a revalorización das prestacións conforme ao IPC, fronte ao modelo do Partido Popular, que durante o Goberno de Mariano Rajoy limitou as subidas ao 0,25 % anual, provocando unha perda continuada de poder adquisitivo.
As e os representantes socialistas incidiron en que as pensións son un dereito e non un privilexio, e que a súa protección resulta especialmente importante nunha provincia como Ourense, marcada polo envellecemento da poboación. Segundo os datos de outubro de 2026, Ourense conta con 109.915 pensións contributivas, cunha contía media de 1.028,91 euros mensuais, fronte aos 1.376,14 euros da media estatal.
A pensión media de xubilación sitúase en 1.144,37 euros mensuais, mentres que a pensión media de viuvez é de 718,96 euros. Na provincia hai, ademais, 24.464 pensións de viuvez. En total, a nómina mensual das pensións contributivas ascende a 113,09 millóns de euros, unha cantidade que evidencia o enorme peso que teñen estas prestacións na economía provincial.
A candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, destacou que “as pensións son un dos piares fundamentais do benestar da nosa provincia. En Ourense non estamos falando só dun dereito individual de cada pensionista, senón dunha garantía económica para milleiros de familias e para a supervivencia de moitos dos nosos concellos, do pequeno comercio e dos servizos de proximidade”.
Fernández Ojea subliñou que a evolución das prestacións desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno demostra a diferenza entre os modelos socialistas e os do PP. “En setembro de 2018 a pensión media de xubilación en Ourense era de 765,60 euros e hoxe alcanza os 1.144,37 euros. Son 378,77 euros máis ao mes, un incremento do 49,5 %. Esta é a política útil, garantir que as persoas que traballaron toda a súa vida poidan vivir con máis seguridade e dignidade”, afirmou.
A representante socialista contrapuxo esta evolución á etapa de Mariano Rajoy, cando as pensións apenas subían un 0,25 % anual. “O PP fala moito de responsabilidade, pero cando tivo a oportunidade de gobernar condenou os pensionistas a subidas ridículas que non compensaban a inflación. Co PSOE as pensións volven actualizarse conforme ao IPC e as persoas maiores deixan de ser as que pagan o prezo das crises”, engadiu.
En Ourense, as pensións son fundamentais para a economía dos concellos
As e os socialistas puxeron tamén o foco na importancia das pensións para a estrutura económica e social da provincia. En 41 dos 92 concellos ourensáns as pensións achegan máis ingresos aos fogares que os salarios, unha realidade que evidencia ata que punto estas prestacións son fundamentais para manter a actividade económica, o consumo e os servizos nos municipios, especialmente nos de carácter rural. En Galicia, as pensións representan o 26,2 % dos ingresos dos fogares, mentres que en Ourense esa proporción elévase ata o 30,8 %. É dicir, practicamente un de cada tres euros que entran nos fogares da provincia procede das pensións.
María Fernández Ojea incidiu en que “cando defendemos as pensións estamos defendendo tamén o futuro dos nosos concellos. Cada subida repercute na capacidade de compra das persoas maiores, pero tamén no comercio, na hostalaría e nos negocios locais. Nunha provincia envellecida e con rendas inferiores á media estatal, non podemos permitirnos que os pensionistas perdan poder adquisitivo”.
O PSOE blindou por lei a revalorización das pensións fronte aos recortes da dereita
Pola súa banda, o candidato ao Congreso, Brian Diz González, destacou que unha das grandes conquistas dos gobernos socialistas foi converter a revalorización das pensións conforme ao IPC nunha garantía legal, a través da Lei 21/2021, evitando que as persoas pensionistas teñan que depender da vontade política de cada Goberno. En 2026, as pensións contributivas revalorízanse un 2,7 % con carácter xeral, mentres que as pensións mínimas aumentan máis dun 7 % e as non contributivas e o Ingreso Mínimo Vital soben un 11,4 %.
“O que fixo o PSOE foi garantir por lei que as pensións non perdan poder adquisitivo. Non é unha concesión nin un regalo de ningún Goberno, é un dereito que conquistaron xeracións de traballadores e traballadoras e que nós temos a responsabilidade de protexer”, sinalou Diz González.
O representante socialista lembrou tamén que o PP e Vox votaron en contra da lei que estableceu a actualización das pensións conforme ao IPC en 2021. “Non podemos esquecer que cando tiveron que escoller entre protexer os pensionistas ou manter o seu modelo, votaron en contra. E tampouco podemos esquecer que con Rajoy as pensións só subían un 0,25 % ao ano. Esa é a súa verdadeira política de pensións”, afirmou.
Diz González advertiu ademais dos riscos que supoñen os modelos que pretenden trasladar a responsabilidade das xubilacións aos aforros individuais e aos mercados financeiros. “A dereita quere abrir a porta a un sistema no que cada persoa dependa dos seus aforros e da evolución dos mercados. Nós defendemos un sistema público, solidario e garantista, no que a xubilación digna sexa un dereito e non dependa da capacidade económica de cada quen”, explicou.
Finalmente, os socialistas consideran que a campaña electoral debe servir para explicar con claridade o que está en xogo. “Hai dous modelos moi diferentes: un que actualiza as pensións, reforza as mínimas e protexe as persoas máis vulnerables, e outro que cando goberna conxela practicamente as prestacións e cuestiona o futuro do sistema público. Nós temos claro de que lado estamos: do lado dos pensionistas, dos seus dereitos e da dignidade de quen levantou este país co seu traballo”, concluíron.

















