O Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC) celebrará este sábado, día 28 de novembro, unha emotiva homenaxe á figura de Xesús Alonso Montero, socio de honra da entidade, tras o seu falecemento o pasado mes de febreiro. O encontro, aberto ao público xeral, desenvolverase a partir das 12:00 horas no Casino Cultural do Carballiño.
O acto servirá para lembrar a traxectoria vital e intelectual do que fora presidente da Real Academia Galega (RAG), escritor e docente. A cita contará coa asistencia da súa filla, Sara Alonso Pimentel, así como de amizades desprazadas desde distintos puntos de Galicia e persoas expertas na súa obra, que intervirán para glosar o seu legado. Durante a sesión proxectarase tamén un audiovisual que percorre as imaxes máis significativas da vida do homenaxeado.
A gala estará conducida pola actriz e socia do IEC Uxía Blanco, mentres que o acompañamento musical correrá a cargo da cantante María do Ceo.
No marco desta mesma xornada cultural das 12:00 horas, o Instituto fará entrega dos galardóns correspondentes ao III Concurso de Microrrelatos e presentará oficialmente o número 46 da súa revista de referencia, Ágora do Orcellón.
Con anterioridade ao acto aberto ao público, ás 11:00 horas, os membros do Instituto de Estudios Carballiñeses celebrarán a súa segunda asemblea xeral do ano. Nesta reunión interna procederase á alta de novos socios e socias, farase balance das actividades desenvolvidas ao longo de 2026 e presentaranse as liñas mestras dos proxectos previstos para o ano 2027.

















