Este certame contribúe a fomentar as habilidades orais e escritas dos participantes, así como a súa capacidade de liderado e o respecto ás ideas dos demais
O programa conta cunha nova categoría para estudantes de Formación Profesional, que se suma ás de ESO, Bachalerato e Universidade
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel,estivo esta mañá co alumnado e profesorado dos centros de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) que participan na fase clasificatoria do programa de debate Parlamento Xove, que este ano celebra a decimo cuarta edición. Esta fase inicial celébrase na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño e conta coa participación de 24 equipos e 96 mozas e mozos.
Cristina Pichel destacou que o obxectivo de Parlamento Xove é potenciar as habilidades individuais e en grupo dos participantes en aspectos como a expresión oral e escrita, a orixinalidade ou a argumentación razoada, entre outros. Así mesmo, este programa fomenta o traballo en equipo, o liderado, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais, e o respecto polas ideas dos demais.
A novidade desta 14º edición de Parlamento Xove é que se abre á participación dos estudantes de calquera módulo ou ciclo de Formación Profesional. Así pois, esta nova categoría súmase ás de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bachalerato e Universidade.
Na convocatoria actual do certame daranse cita un total de 57 equipos e 282 participantes en todas as categorías. Así, aos que competirán na categoría de ESO hai que engadir 19 equipos e 76 alumnos de Bachalerato; 4 equipos e 16 estudantes de Formación Profesional e 10 equipos e 37 universitarios.
Envellecemento e Estado de Benestar
A pregunta a debate desta edición é: ‘Está preparado o Estado do Benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?’. Os equipos terán que defender unha posición, ben a favor ou ben en contra. A dificultade está en que soamente cinco minutos antes de cada debate procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo.
Desde o seu inicio no ano 2010, e tendo xa en conta esta edición de 2023, neste programa de formación teñen debatido un total de 533 equipos de centros escolares galegos de ESO ou Bachalerato e 38 de universidades, nos que participaron 2.531 persoas.Imaxes relacionadas